O INE cifra en case 1.600 as mortes en Galicia por covid ou sospeitosas en 2020, máis que os datos oficiais

A Xunta informaba o peche de 2020 dun total de 1.400 vítimas pola pandemia en Galicia, o que supón 182 menos dos datos publicados polo INE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2021 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

Un total de 1.582 persoas faleceron co virus da covid ou con sospeita de coronavirus en Galicia en 2020, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados este mércores. A Xunta informaba o peche de 2020 dun total de 1.400 vítimas pola pandemia en Galicia, o que supón 182 menos dos datos publicados polo INE.

O INE sinala que esta estatística se elabora con base nos certificados médicos de defunción e á aplicación das normas da OMS. Entre esas 1.582 vítimas, o INE diferencia entre os 1.499 falecidos co virus identificado e 83 sospeitosos de ter covid cando morreron.

No tocante a vítimas con covid identificado, Galicia conta cunha taxa de 55,5 falecidos por cada 100.000 habitantes. É a cuarta máis baixa por comunidades, lonxe da media española (127,5 falecidos por cada 100.000).

TOTAL DE DEFUNCIÓNS

Pola súa banda, Galicia rexistrou un total de 32.879 óbitos en 2020, o que supón 1.560 máis que en 2019 (+5%), segundo esta estatística de defuncións.

As enfermidades do sistema circulatorio foron a principal causa de falecemento en 2020 en Galicia, cun total 9.508 óbitos. É a segunda comunidade con maior incidencia (352 mortes por 100.000 habitantes), só por detrás de Asturias (370,4).

A segunda causa de falecementos en Galicia foron os tumores, con 8.485 defuncións. De feito, a comunidade galega (314,4 por 100.000 habitantes) conta coa terceira maior taxa de óbitos por este motivo en España, só por detrás de Asturias (350,8) e Castela e León (317,3).

As seguintes causas foron: enfermidades do sistema respiratorio (3.145 mortes), trastornos mentais e do comportamento (2.431) e enfermidades infecciosas (1.976). Pola súa banda, a comunidade galega rexistrou 305 suicidios en 2020, o que supón 13 defuncións máis por este motivo en comparación cos 292 de 2019. Entre outras causas de morte en 2020, houbo 113 falecidos en accidentes de tráfico, 110 por afogamento e 16 por homicidio.

Dúas traballadoras do centro conversan no exterior da residencia das Gándaras, a maior de Lugo, despois de contabilizar un total de 49 positivos, a 17 de agosto de 2021, en Lugo, Galicia (España).. Carlos Castro - Europa Press
Dúas traballadoras do centro conversan no exterior da residencia das Gándaras, a maior de Lugo, despois de contabilizar un total de 49 positivos, a 17 de agosto de 2021, en Lugo, Galicia (España).. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta