Así está o persoal de residencias.... pasou a COVID e aquí non pasou nada

O persoal de residencias leva dous anos sen convenio renovado. Desde este colectivo denuncian que algunhas categorías profesionais estarían cobrando por debaixo do SMI, segundo as táboas salariais do sector. Non obstante, o temor dos e das representantes das traballadoras é a falta de vontade para dialogar desde a patronal. A iso súmanlle a actitude da Xunta de Galicia que logo do acontecido en plena pandemia, só realizou cambios estruturais “para disimular” na consellería de Política Social.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 31 de decembro de 2019 finalizou o convenio laboral das traballadoras e traballadores de residencias. Desde ese momento e até día de hoxe non houbo ningún acordo para crear un texto marco laboral para este colectivo. Entre outras consecuencias, existe o temor á perda de subas salariais correspondentes ao ano 2020 e tamén as de 2021. As negociacións están paralizadas até a nova reunión o día 11 de novembro de 2021. A última xuntanza estaba programada hai dúas semanas mais foi anulada pola patronal. E mentres tanto, as condicións laborais en residencias privadas (a maioría con prazas públicas) parecen ir decaendo segundo sindicatos e traballadoras.

Concentración de traballadoras das residencias de maiores fronte á delegación territorial da Xunta en Vigo.
Concentración de traballadoras das residencias de maiores fronte á delegación territorial da Xunta en Vigo.


SITUACIÓN DE PARTIDA

Antes da reunión para o xoves día 11 de novembro de 2021, desde a Asociación de Traballadoras de Residencias de Galicia, TREGA, denuncian a falta de melloras laborais que afectan sobre todo ao rateo de persoal por usuarios, á falta de contratación de novo persoal e á escasa formación das novas incorporacións laborais. Cun convenio laboral xa esgotado en 2019 e coa pandemia da COVID polo medio, as traballadoras temen que “non haxa unha suba nas taboas salariais, sobre todo do grupo E, que agora mesmo están por debaixo do SMI” di Maribel Barreiro de TREGA.

Desde UGT, Javier Martínez sinala que aínda co convenio xa vencido “a única cláusula en vigor sería que as condicións salariais mellorarían coa suba do IPC do ano anterior sempre que o PIB fose superior ao 2%”. Estas condicións non se deron polo de agora e sobre os salarios por debaixo do SMI, Martínez di que non hai salarios por debaixo deste salario mínimo no sector residencias. “Debemos interpretar o SMI como o que é, o total de retribucións dun traballador en 14 meses e a nós non nos consta que haxa ninguén cobrando por debaixo do SMI”. Con todo e iso, Martínez non descarta que coa suba do salario mínimo non quede algunha categoría sen suba salarial, cousa que debera entón revisarse.

TREGA enviara un comunicado o domingo sete de novembro onde se indicaba que as traballadoras do grupo E recibían un salario de 946,29€  “cun complemento de 9,09 euros por domingo traballado e dúas pagas extraordinarias de 870,74 euros”. Iria Estévez, de CCOO, sinala a baixa táboa salarial deste grupo E en que desde as direccións apuntan “a suma de trienios ou domingos traballados”. Negociar agora mesmo a mellora desta táboa salarial é imposible “porque agora mesmo estamos negociando o convenio laboral”.

“Pediramos a revisión anual das táboas salariais e caímos na conta que a suba correspondente a 2020, que se aplicaría de maneira retroactiva, acabará perdéndose e ese diñeiro non cotizará” sinala Sonia Jalda de TREGA. Ese diñeiro, segundo a asociación de traballadoras volve ás empresas. “A patronal está dilatando os tempos da negociación logo da sentenza do Tribunal Supremo sobre o recoñecemento dos días festivos ás traballadorassinala Bea Fernández da CIG.


NOVO PANORAMA POST-COVID

A negociación colectiva para a maioría de sindicatos e traballadores depende da actitude da patronal, unha patronal a quen a maioría acusan de estar orquestada por DomusVi. Outras voces non ven unha manipulación tan decisiva da empresa que dirixira Josefina Fernández até hai ben pouco. “Hai outras empresas que están por detrás, sen dar a cara, sen interese ningún en mellorar as condicións laborais” di Javier Martínez. “Realmente aproveitáronse dos traballadores durante a pandemia e agora se se lles pide un aumento salarial ou melloras, a patronal ameaza con saír da negociación”.

A patronal recibira a proposta de mellorar as condicións cun convenio de curta duración, mais as empresas dixeran non debido a que “non sabían que pasaría o 2020 e de non falar de temas económicos pasamos a falar de dereitos” di Iria Estévez. “O que conseguimos foi falar do convenio punto por punto” e ao final non se conseguiu ningún acordo, nin sequera en melloras de horarios, quendas e rateos.

“Nin á patronal nin á Xunta lles convén unha suba salarial” apunta Sonia Jalda. O motivo son as prazas públicas que o goberno galego ten en concerto con residencias privadas. O temor das autoridades públicas galegas é que un aumento salarial signifique un aumento nas partidas destinadas a cubrir as prazas concertadas co sector privado.

Isto trae que o número de profesionais por número de persoas usuarias das residencias non permita unha atención axeitada. “Os rateos non cambiaron  porque á Xunta non lle interesa e tería que negociar prezos” sinala Estévez. “A situación debe mellorar, é certo, os números dos rateos non poden baixar, deberan ser inalterables” apunta Martínez. “Ten que haber persoal especializado en cada quenda, sobre todo enfermaría e xerocultoras” reclama Maribel Barreiro.

Actualmente, a falta de persoal en residencias privadas débese a que “se lles van, ninguén quere vivir con eses salarios e esas condicións” apunta unha traballadora. Desta maneira comezan as contratacións de persoal que pasou un curso de tres ou seis meses cando até o de agora, debían ser ciclos de FP. Iso, segundo as forzas sindicais consultadas, está baixando a calidade de atención ás persoas usuarias. O temor está en que as contratacións de persoal formado en poucos meses sexa quen supla ao persoal con outra formación máis longa.

Así as cousas, o 11 de novembro celebrouse a nova reunión, telemática, entre sindicatos e empresas. Desde a patronal fíxose coñecer que hai empresas non representadas na patronal interesadas en residencias. Estas empresas estarían negociando á parte coa Xunta como articular as funcións dentro das residencias (rateos, camas, etc). "Parece que a novidade é non negociar o convenio onde pedimos un aumento e que se lle pague á xente o 2020 E 2021", declara Transi Fernández da CIG. Ante a negativa da patronal das residencias para os aumentos salariais, os tres principais sindicatos, UGT, CCOO e CIG reuniranse  o luns día 15 de novembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta