As letras galegas, na emigración

Nun comunicado, o Colectivo de galegas na emigración anuncia que conmemorará o Día das Letras Galegas cun acto cultural en Bos Aires...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 16/05/2007 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Convocado polo colectivo de galegas e a Federación, o acto comezará cunhas verbas de benvida dos organizadores (Francisco Lores Mascato, pola FSG; e a psicologa social Adela Fernández Cruz, por Herbas de Prata) e unha lembraza de María Mariño, a cargo dunha das integrantes do colectivo de mulleres e que contará tamén cun video editado para este acto.

De contado, o encontro contará cunha presentación titulada "Galiza, Muller" que o célebre poeta Rodolfo Alonso adicará a María Mariño e ás mulleres de Herbas de Prata. Alonso naceu en Bos Aires no 1934. Foi o integrante máis novo da legendaria revista arxentina de vangarda "Poesía Buenos Aires". Leva publicados pouco menos de trinta libros, moitos deles de poemas e outros de ensaio e narrativa. Unha interesante edición das "Aguafuertes gallegas" de Roberto Arlt pode atoparse nas Edición do Castro. Primer traductor de Fernando Pessoa en América, engadiu moitas outras de poetas e escritores franceses, italiáns, portugueses e galegos. Dirixíu a súa propia editoria na que publicou máis de douscentos títulos. Foi Premio Nacional de Poesía (Arxentina) e Premio Andoriña (Galiza) e director por moitos anos da Revista Galicia do Centro Galego de Bos Aires.

Para rematar, e antes da queimada coa que pechará a xuntanza, as mulleres que integran o colectivo Herbas de Prata poñerán voz a unha escolma de poemas de María Mariño. "Será no galego «bonaerense» que falamos, dende logo con erros. Sen embargo, queremos facelo coma homenaxe pero tamén coma proclama, como chamamento a falar a lingua galega. Unha lingua que, fai non tantos anos, se escoitaba polas rúas da cidade de Bos Aires e que foi desaparecendo. Será un xeito de comprometernos coa presencia da lingua dos nosos neste lugar", explican as responsables do colectivo.

O colectivo Herbas de Prata (nome que remite a un dos seis poemas galegos escritos polo poeta Federico García Lorca) xurdiu da vontade dun grupo de galegas emigradas e descendentes de xuntarse para traballar por e para as mulleres non só dese colectivo. Fundado pola psicóloga social ourensana Adela Fernández Cruz o ano pasado, achega a mulleres de todas as idades e profisións. Nas últimas semanas, xa viu xurdir o colectivo de Uruguai, nun camiño que se propón dar corpo a unha rede no mundo.

"A nosa idea é a de tecer unha rede de mulleres emigradas e os seus descendentes que permita a colaboración con elas nas problemáticas propias. Para iso, algúns dos nosos propósitos son promover a capacitación das mulleres, a atencións dos seus problemas (lembremos que moitas nen sequera coñecen os seus dereitos), a posible vinculación coas institucións públicas e privadas pertinentes segundo os casos e todo canto veamos que se pode medrar nesas direccións", explica Fernández Cruz.

O Día das Letras Galegas é un día de homenaxe á lingua de Galicia através da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Este ano, a autora lembrada será a poeta María Mariño Carou."

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lila

Fala-lo galego ainda que sexa mal é a forma de manter viva a lingua.a que nos identifica como pobo,sen a fala de Rosalía Galicia non é Galicia é unha rexión maís de España