Galicia recoñece o 'ciberbullying' ou 'sextorsion'como violencia de xénero

Aprobado o ditame da reforma da lei que recoñece a violencia dixital como nova forma de violencia de xénero.

Por Erik Dobaño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2021 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

A Comisión 5ª do Parlamento de Galicia aprobou este xoves por unanimidade o ditame da proposición de lei de reforma da lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero a través da que se incorpora a violencia dixital como unha nova forma de violencia de xénero.

Tras a aprobación, a través dun comunicado de prensa, o Grupo Popular, que impulsou esta iniciativa, destacou que este xoves "se dá un paso importante na loita contra a violencia de xénero no ámbito lexislativo en Galicia". "E esperamos que tome nota o Goberno de España e poña en marcha os mecanismos que permitan modificar o Código Penal co fin de perseguir adecuadamente estes delitos que van en aumento", sinalou a viceportavoz popular, Paula Prado.

Así mesmo, a deputada popular referiuse a a memoria anual da Fiscalía Superior de Galicia para destacar que "os delitos sexuais a través das novas tecnoloxías increméntanse ano tras ano, especialmente os realizados contra menores de 16 anos".

Os populares explican que esta modificación da lei integral de violencia de xénero "ten como obxectivo facer fronte aos cada vez máis frecuentes delitos como 'ciberbullying'; 'sextorsion'; 'gooming'; usurpación de identidade, chaves ou contrasinais; 'sexting'; 'revenge porn' ou 'pornovenganza'".

"Son accións todas elas moi frecuentes entre as persoas máis novas, onde maioritariamente as vítimas son mulleres e, fundamentalmente, adolescentes, o que incrementa a súa vulnerabilidade", apuntou.

"É COUSA DE TODOS"

A viceportavoz popular agradeceu "a vontade de consenso mostrada por todos os grupos parlamentarios e do debate construtivo" levado a cabo no seo do relatorio. "Deste xeito estamos a mandar unha mensaxe de unidade fundamental para concienciar á sociedade de que a loita contra a violencia de xénero é cousa de todos".

Nesta liña, a portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, destacou que a futura reforma da lei galega contra a violencia de xénero introduce a violencia dixital como "unha forma máis" de violencia machista.

Ciberacoso
Ciberacoso | Fonte: Pixabay.

Ademais, o PSdeG incidiu en que introduciu no articulado da lei "que se potencie a investigación sobre a violencia dixital, así como o impulso de actividades á comunidade escolar para a prevención de comportamentos e actitudes sexistas e da violencia de xénero cunha especial atención ao ámbito dixital".

ACORDO SOBRE CONCILIACIÓN

Por outra banda, na comisión parlamentaria foi aprobada unha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular sobre a posta en marcha de servizos de conciliación familiar e laboral, que contou cos únicos votos do PP, mentres que a oposición --PSdeG e BNG-- abstivéronse tras o rexeitamento dunha emenda de engadido trasladado polo Bloque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta