Feijóo recoñece que empeorou a situación da Covid: "A evolución dos casos non vai tan ben"

A Xunta estuda novas medidas ante a alza de casos, como pedir pasaporte covid para visitas en hospitais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2021 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou que este venres se reunirá o subcomité clínico para analizar se adopta novas medidas na comunidade tras a evolución negativa rexistrada da covid-19 en Galicia nos últimos días.

"As cousas en relación á media de España van ben, moi ben en relación á Unión Europea, pero en relación connosco mesmos non van tan ben", aseverou Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, na que, en vista da evolución epidemiolóxica, deu por feito que Galicia superará o mil casos activos esta semana.

En concreto, manifestou a súa preocupación pola alza no núcleo de Ourense-Barbadás (A Valenzá), que vinculou coas festas locais e lembrou que este mesmo xoves, San Martiño, é festivo local, antes de apelar á prudencia para que "a tranquilidade" que, polo momento, hai en Galicia, sobre todo no ámbito hospitalario, sexa "definitiva e non temporal".

Ao tempo, ratificou a reunión do subcomité clínico, órgano que permanece activado, e avanzou que se analizará "a posibilidade de esixir pasaporte covid para acceder a determinadas instalacións e eventos".

Unha das cuestións "máis maduras" que, segundo o presidente galego, están sobre a mesa é pedir pasaporte covid a quen realicen visitas ás plantas de hospitalización en todos os hospitais de Galicia.

Feijóo preside o Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo preside o Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

OBRIGATORIO NOS PROGRAMAS DE TEMPO LIBRE DE MAIORES

A ampliación do uso do certificado covid está sobre a mesa, aínda que Feijóo non concretou polo momento máis pasos, xa que, queixouse, non hai unha cobertura lexislativa estatal e, na maior parte das decisións relativas a solicitalo é preciso a autorización do alto tribunal galego.

Con todo, en actividades que dependan da Xunta, o presidente si se mostrou favorable a usar esta ferramenta. Como exemplo, aludiu ao programa 'Xuntos polo Nadal', unha iniciativa pensada para que as persoas maiores que viven soas teñan con quen compartir as datas do Nadal e que se reactiva este ano.

Por outra banda, Feijóo tamén anunciou a reactivación do programa 'Montaña en familia', que ofrece 600 prazas para familias numerosas, monoparentais, acolledoras e vítimas de violencia machista na estación de montaña de Manzaneda. Neste caso non será preciso o certificado covid e baixa un 25% o prezo que pagarán as familias --que pasa a ser de 66 euros por persoa maior de 12 anos e de 36,5 por cada neno menor desa idade--.

QUE OCORRERÁ EN NADAL?

Na súa intervención, o presidente galego defendeu que, polo momento, non hai tensión hospitalaria nin unha situación que esixa tocar as capacidades máximas, á vez que optou por unha postura prudente de cara ao Nadal, xa que se están analizando períodos epidemiolóxicos de 10 ou 12 días para a toma de decisións.

Así as cousas, defendeu que, a día de hoxe, a única decisión para Nadal é a "monitorización constante". "O virus segue circulando e, se hai tensión nalgunha zona, actuariamos. Temos que actuar sempre. Non hai ningunha previsión máis que a monitorización constante e continua cada 10-12 días", dixo o presidente galego.

Non en balde, lembrou que o protocolo "segue vixente". Así, lembrou que a situación "foi excepcional" en Galicia e "segue sendo boa", aínda que "empeza a preocupar" ás autoridades sanitarias. En todo caso, co foco no subcomité deste venres, suxeriu que sobre a mesa estará ampliar o uso do certificado covid pero sen fixar limitacións de capacidade porque "actualmente a situación non o esixe".

Neste punto, insistiu na importancia da vacinación e que non se poden usar os mesmos parámetros de decisión que nas primeiras ondas previas á inmunización, xa que os ingresos son menores e as consecuencias menos graves para a saúde. O que non significa, concluíu, que coa baixada de temperaturas e o aumento da capacidade en lugares de lecer non se incremente o risco de contaxio, polo que apelou a "ser cautelosos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta