A Xunta negociará co Concello de Carballo a construción dun centro integral de saúde

O Concello de Carballo solicitou unha entrevista entre o alcalde e o conselleiro de Sanidade para abordar este asunto, á que Comesaña accedeu co compromiso de concretar lugar e data nos próximos días.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2021 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia destacou que tomou a "iniciativa" para activar o proxecto de reforma e ampliación do centro de saúde de Carballo para a súa transformación nun novo Centro Integral de Saúde, como se contempla na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello.

Segundo informou nun comunicado, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remitiu unha carta ao alcalde, Evencio Ferrero, na que pide a súa colaboración na procura de solucións adecuadas para incrementar en 1.820 metros cadrados a edificabilidade da parcela do actual centro de saúde.

Así mesmo, indica que o conselleiro ofreceulle ao rexedor a colaboración do persoal técnico e dos servizos de obras do Sergas para axudar na avaliación daquelas propostas que o concello considere e determinar se se cumpren ou non coas necesidades requiridas desde o punto de vista técnico.

En resposta a esta comunicación, conforme sinala o Goberno galego, o Concello solicitou unha entrevista entre o alcalde e o conselleiro para abordar este asunto, á que o titular de Sanidade accedeu co compromiso de concretar lugar e data nos próximos días.

Na misiva, a Xunta destaca que achega o contido íntegro do plan, no que, conforme sinala, están detalladas as necesidades obxectivas que motivaron a priorización dos proxectos finalmente elixidos, así como a proposta de plan funcional deseñada para a futura infraestrutura coa que o Goberno galego quere mellorar o servizo.

A Consellería de Sanidade sinala que, no caso de Carballo, o seu documento estratéxico recolle un plan funcional que prevé o incremento das consultas de adultos, pediatría, docencia, saúde mental ou PAC, así como ampliar a área de fisioterapia, mellorar a funcionalidade da de radioloxía, crear unha nova área integral de muller con consulta de rehabilitación do solo pélvico, albergar consultas especializadas de reumatoloxía, oftalmoloxía ou cirurxía xeral e dixestiva. Ademais, contempla a creación dunha área integral de hemodiálisis con 25 postos.

O conselleiro tamén destaca na carta que o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2022 contempla, dentro da partida de 4,2 millóns de euros destinada a reformas e melloras de centros de saúde, unha reserva de 600.000 euros para licitar o proxecto e iniciar a obra desta ampliación e transformación en CIS do centro carballés.

En consecuencia, conclúe a carta, "a pronta achega por parte do Concello dunha solución adecuada axilizaría o proceso administrativo de licitación do proxecto e obra, posibilitando a execución desta partida orzamentaria".

POSTURA DO GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, desde o pasado 7 de outubro o BNG de Carballo, formación que integra o goberno local, puxo en marcha unha campaña de recollida de firmas para reclamar a mellora da atención sanitaria cun segundo centro de saúde, dotado de especialidades e persoal suficiente.

A día de hoxe, esta iniciativa conta con 1.400 firmas para pedir un segundo centro de saúde, "como teñen todos os concellos galegos de máis de 30.000 habitantes" excepto Carballo, tal e como sinala o Bloque local. O BNG da capital de Bergantiños considera que este segundo centro de saúde é "imprescindible" para "acabar cos graves problemas de saturación que ten o actual".

PLAN DE INFRAESTRUTURAS DA XUNTA

A Xunta lembra que hai dúas semanas o Consello aprobou un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que contempla a posta en marcha de 37 centros de saúde e a ampliación ou reforma de 14 existentes.

Ademais, sinala que para a elaboración desta planificación contou coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio eInfraestruturas para elaborar un mapa de isocronas para detectar áreas de maior poboación máis afastadas dun centro hospitalario e, por tanto, candidatas á instalación dun Centro Integral de Saúde.

Este traballo, segundo indica, permitiu identificar a comarca do Deza (na que xa está en execución ese centro), xunto coa do Morrazo, Baixo Miño e Bergantiños, para as que asegura que o plan ofrece alternativas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento galego
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento galego | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta