Superheroes contra a contaminación do mar por plásticos

A xornalista e escritora galega Paula Gonzalo publica a novela gráfica 'Tex Patton y la isla de plástico' para achegar este problema global aos máis novos. Estudos científicos identificaron importantes cantidades de microplásticos en sedimentos, aves mariñas e peixes das rías galegas.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 20/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Aos seus 13 anos, Tex Patton semella un mozo igual que calquera outro, malia que sempre intuíu algo estraño no seu pasado, algo que crece no seu interior e que lle vincula dunha maneira especial á auga. Tex pode presentir a choiva, as tormentas, a auga subterránea baixo os seus pés, e entender a linguaxe das criaturas mariñas. Pero, por que? Para responder a esta pregunta, Tex Patton inicia unha viaxe para tratar de descifrar a súa verdadeira natureza, a especial relación que mantén coa auga e cumprir a misión que lle foi encomendada: salvar o océano da destrución.

A xornalista e escritora Paula Gonzalo, coa novela gráfica 'Tex Patton y la isla de plástico', ilustrada por Daniel Catalina.
A xornalista e escritora Paula Gonzalo, coa novela gráfica 'Tex Patton y la isla de plástico', ilustrada por Daniel Catalina.

Cando Tex mira cara ao mar, observa como a inmensa masa azul se vai transformando nun vertedoiro de plásticos e microplásticos fabricados e vertidos polos seres humanos, causando non só estragos medioambientais, tamén económicos e de saúde. No ano 2050, haberá máis plástico que peixes nos océanos. É a advertencia que veñen facendo os científicos mariños desde hai tempo. E tamén recolleremos máis plásticos dos nosos estómagos, pois sábese que os microplásticos se van acumulando ao longo da cadea trófica ata chegar aos depredadores superiores; ou dito doutro xeito, dos peixes que os inxiren, aos nosos pratos.

“Custa crelo, pero a pesar de que máis do 70% da superficie terrestre é auga, só coñecemos o 5%"

Tex está preocupado. Sente a chamada dos océanos, escoita a agonía dos mares. E por iso decide emprender unha trepidante aventura imaxinada pola xornalista e escritora viguesa Paula Gonzalo –directora de PeriodismoCiudadano.com–, quen vén de publicar na editorial Destino a novela gráfica xuvenil Tex Patton y la isla de plástico, un thriller climático protagonizado por este superheroe disposto a poñer os seus superpoderes ao servizo da emerxencia climática.

Lúdico, didáctico, pedagóxico, divulgativo e comprometido, este libro aborda un tema de plena actualidade como é o cambio climático, o quecemento dos océanos e a contaminación mariña, tentando achegar esta realidade aos máis novos, pero tamén ás nais e país.

“Custa crelo, pero a pesar de que máis do 70% da superficie terrestre é auga, só coñecemos o 5%, por iso este libro chega coa intención de mostrar a enorme riqueza que encerra este grandioso planeta azul”, comenta Paula Gonzalo, quen asina esta obra canda o ilustrador Daniel Catalina. “Como dicía Cousteau, «só podemos protexer aquilo que amamos e só podemos amar aquilo que coñecemos»”, parafrasea a xornalista galega.

Tex Patton y la isla de plástico é un thriller climático que quere virar a mirada de cativos e maiores cara ao océano, un gran descoñecido”, apunta Paula Gonzalo, quen se estrea con esta novela gráfica na literatura infantil e xuvenil.

Un dos seus obxectivos é que as novas xeracións “descubran a enorme diversidade que encerran os nosos océanos”, algo que considera “fundamental”.

“Temos o exemplo da xeración Greta, implicada na concienciación non só sobre o cambio climático, tamén na contaminación oceánica, porque o que está en xogo é o seu futuro”

Pero o libro procura tamén “desmitificar un pouco a imaxe dos nini, ou da mocidade que non se compromete con aquilo que lle rodea”, apunta a autora, quen reivindica o compromiso dos máis novos mediante a figura da activista medioambiental Greta Thunberg: “Temos o exemplo da xeración Greta e de todos estes mozos implicados no seu futuro, e implicados na concienciación non só sobre o cambio climático, senón tamén na contaminación oceánica, porque o que está en xogo é nin máis nin menos que o seu futuro”, especifica.

Así, da man de Tex Patton e dos seus amigos, os lectores descubrirán as desfeitas que a acción dos seres humanos están causando nos océanos, alén de onde a nosa vista e os focos dos medios chegan. Mares cheos de illas de plástico e de peixes empachados de microplásticos. Porque debe saber o lector que no noso planeta existen cinco enormes illas de plástico que ocupan millóns de metros cadrados e que están consideradas pola comunidade científica mariña e os ecoloxistas como “os continentes da vergoña”.

Nesta trepidante aventura, Tex é acompañado pola súa amiga Zoe e por Josh, un mozo con discapacidade auditiva que sofre acoso escolar e que, coa axuda de Tex, faralle fronte tamén a esta situación. Porque como reivindica Paula Gonzalo, “temos que facer tamén un esforzo por entender a pluralidade e diversidade como riqueza".

Tex irá descubrindo que ten unha superforza que lle permite converterse nunha especie de criatura mariña, capaz de nadar a toda velocidade baixo a auga e de comunicarse con todas as especies do mar. Así, ademais dos seus dous amigos, Tex contará coa axuda de Siete, unha quenlla coa que atopará un atallo imprevisto que lle levará a enfrontarse á escuridade das profundidades abisais, ou a atoparse con cachalotes varados por mor das prospeccións sísmicas e outras criaturas mariñas fascinantes.

"Os mozos teñen nas súas mans a posibilidade de poñer freo a esta situación e converterse nos auténticos superheroes na loita contra o cambio climático”

A través da súa nai Aroa de Castro e do seu avó Brais, Paula Gonzalo tende con esta novela unha ponte entre a cidade imaxinaria de Noxfield e a súa Galicia natal para mergullarnos nas profundidades mariñas, mesturando ficción e catástrofes reais. Porque, como galega, Paula Gonzalo coñece ben a radical importancia que ten para nós, os humanos, conservar a saúde dos océanos e protexelos de catástrofes como a do Prestige, en 2002, que verteu miles de toneladas de fuel óleo; un desastre que lle quedou “gravado para sempre”.

Unha historia chea de acción e aventuras, dirixida a nenos e nenas a partir de 9 anos, coa que descubrir como a contaminación provocada polos seres humanos está a crear inmensas illas de plástico que non paran de crecer, ameazando a supervivencia das criaturas do mar e, con elas, as de todo o planeta.

E coa idea de imprimirlle un carácter educativo a esta historia e trasladala aos centros escolares, preparouse tamén unha unidade didáctica para que os mestres poidan trasladar ás aulas a aprendizaxe obtida da lectura desta novela gráfica.

Como sinala a súa autora, “esta é unha loita que nos afecta a todos, o cambio climático non entende de idades, xéneros nin ideoloxías, todos debemos implicarnos, pero sen dúbida, e co noso apoio, os mozos teñen nas súas mans a posibilidade de poñer freo a esta situación e converterse nos auténticos superheroes na loita contra o cambio climático”.

PLÁSTICOS NAS AUGAS DE GALICIA E OS OUTROS 'SUPERHEROES'

A loita contra a contaminación por plásticos e microplásticos nos ecosistemas mariños converteuse nunha prioridade para outros superheroes, os científicos. As estimacións son que, de seguir ao ritmo actual, no ano 2050 haberá máis plástico que peixes nos océanos. E Galicia non escapa deste problema.  

Científicos do Centro Oceanográfico de Vigo (Instituto Español de Oceanografía - IEO) e do Campus do Mar presentaron recentemente os resultados do que, din, é o primeiro estudo que avaliou a presenza de microplásticos nos sedimentos das Rías Baixas e na plataforma continental fronte á desembocadura do Miño. Os datos son preocupantes, xa que atoparon plásticos en todas as zonas de estudo, principalmente fibras.

Os resultados apuntan diferenzas na abundancia de microplásticos por áreas, coa maior presenza destas partículas en zonas intermedias das rías de Vigo, Pontevedra e Muros e Noia. Isto, din, “podería deberse á localización das estacións, preto dos centros de poboación, industrias e plantas de tratamento de augas residuais”.

Os científicos chegaron a identificar até 130 microplásticos por quilo de sedimento seco nas rías galegas

A estación cos niveis máis altos de microplásticos (fragmentos de plástico de menos de 5 milímetros de diámetro),atópase na zona intermedia da ría de Muros e Noia, cun valor medio de 271 microplásticos por quilo de sedimento seco. Precisamente, nesta ría tamén se atopa a terceira estación con máis micropartículas de polímeros, situada na parte máis interior, con 207 microplásticos de media por quilo.

Entre estas dúas, sitúase en segundo lugar a estación 1, na ría de Vigo, con 264,4 microplásticos por quilo, dato que contrasta coa estación 5, situada na boca desta ría, onde o valor foi cero (a única libre de microplásticos das 22 estacións analizadas). Esta diferenza tan notable podería deberse á “localización xeográfica e as condicións oceanográficas”, que “poden facer que esta estación reciba menos influencia antropoxénica [humana]”. De feito, observaron que “este comportamento é similar no resto de estacións que se atopan nas bocas das rías, que presentan valores baixos de microplásticos”, explican.

O nivel máis baixo entre as estacións das que se recolleron mostras positivas en micropartículas rexistrouse na última, no transecto do Miño, con 10,6 microplásticos por quilo de sedimento seco. “Probablemente, isto débese ao feito de que a estación 22 está na plataforma continental e, por tanto, non está tan exposta ás actividades costeiras antropoxénicas”, comentan os autores do estudo.

Ao facer a media da concentración total dos polímeros nos sedimentos de cada ría, a máis afectada é a de Muros e Noia, con 130 microplásticos por quilo, seguida pola de Pontevedra, con 86,9, e a de Vigo, con 80,3. A de Arousa presenta valores medios menores, de 36,1 microplásticos por quilo de sedimento. Pero é fronte á desembocadura do Miño onde os niveis medios son máis baixos, con 26,4, “probablemente debido á distancia ás principais actividades antropoxénicas”, esclarecen os científicos.

Malia que a de Vigo é a ría con maior poboación e actividade, non ten os valores de contaminación por microplásticos máis altos, pero si unha maior variedade de formas destes. Isto, explican os investigadores, “podería explicarse polo feito de que esta ría presenta a maior influencia antropoxénica e industrial”.

Bocareus, sardiñas, escarpóns e salmonetes das augas galegas levan consigo microplásticos, no seu tracto dixestivo

A contaminación por microplásticos en augas de Galicia comprobouse xa en varios estudios científicos, se ben este é o primeiro traballo que establece un punto de partida sobre a súa presenza nos sedimentos das rías.

Recentemente, publicouse outro estudo no que se alerta de que bocareus, sardiñas, escarpóns e salmonetes das augas galegas e de todo o Cantábrico levan consigo microplásticos, no seu tracto dixestivo.

Neste traballo, asinado por investigadores do IEO, atopáronse 100 mostras de microplásticos en 50 de 64 exemplares analizados (78%).

Corvos mariños cristados da colonia da illa de Ons teñen tamén nos seus estómagos importantes cantidades de microplásticos

Outra investigación do Centro Oceanográfico de Vigo e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) xa mostrara anteriormente que o 100% dos golfiños varados na costa galega presentan microplásticos nos seus estómagos.

Neste caso, os científicos analizaron e cuantificaron a presenza de microplásticos en 35 mostras de estómagos de golfiños comúns varados en Galicia entre os anos 2005 e 2010. Os investigadores chegaron a extraer un total de 411pezas plásticas a todos os exemplares.

E, como se publicou neste xornal, outra investigación, esta de Investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, sinalou as bateas como posible fonte de contaminación por microplásticos nas rías galegas.

En concreto, os investigadores analizaron a presenza de microplásticos na colonia de cría de corvos mariños cristados na illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia. No estudo foron analizadas as bólas formadas por restos de alimentos non dixeridos e regurxitados polas aves, coñecidas como egagrópilas. Nunha mostra de 41 bolas inxeridas e devoltas polos corvos mariños cristados, os científicos atoparon fibras microplásticas no 63% dos gránulos vomitados por estas aves, “o que suxire que este tipo de contaminación plástica prevalece na área de estudo”, salientan.

Detalladamente, as fibras de nailon foron as partículas plásticas máis abundantes, seguidas do poliéster. A hipótese que manexan os científicos é que parte deles proceden dos aparellos que se utilizan nas bateas para o cultivo do mexillón: “Os plásticos (incluído o nailon) utilizados para colgar cordas e outras actividades relacionadas co cultivo de mexillón poden ser unha fonte importante de liberación de microplásticos ao ambiente mariño, pero non se dispón de estimacións cuantitativas”, explican.

Sobre esas e outras evidencias científicas, Tex Patton, os seus amigos e calquera mozo ou moza que queira acompañalos na súa aventura, teñen por diante moito que facer.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta