O Goberno central destina case 901.000 euros á mellora da bioseguridade do transporte de gando galego

Os fondos transferirase á Xunta para que convoque as axudas para produtores agrícolas e gandeiros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2021 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, informou este venres de que o Executivo estatal destinará este ano 900.902,88 euros do Plan de Recuperación para fomentar a bioseguridade no transporte de gando e nos viveiros agrícolas de Galicia.

Tal e como se recolle nun comunicado da Delegación, a achega foi aprobada polo Consello de Ministros o 2 de novembro e pola Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, e transferirase á Xunta para que sexa o Goberno autonómico o que convoque as axudas para produtores agrícolas e gandeiros.

A cantidade, sinalan, forma parte do Compoñente 3 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, centrado na transformación ambiental e dixital do sector agroalimentario e pesqueiro, e que xestiona o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. "Esta é a primeira repartición das tres que efectuará o Goberno nesta materia ata 2023, data de vixencia dos fondos de recuperación", destacou o delegado.

En canto á bioseguridade, contémplanse dúas liñas de investimento. Unha, en materia de sanidade animal, está dotada con 490.324,80 euros para a mellora dos centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, mediante melloras tecnolóxicas como a automatización, a robotización, a instalación de novos sistemas para limpeza e desinfección ou a construción de novos centros.

A outra liña destinarase a sanidade vexetal e contará cun orzamento de 410.578,08 euros, cos que se incentivarán os investimentos que realicen os produtores de materiais vexetais de reprodución destinadas a instalacións de protección de viveiros fronte a insectos vectores de pragas cuarentenarias máis importantes, dada a súa incidencia na produción agrícola. Tamén se animará á instalación de equipos de tratamentos mediante termoterapia en viveiros de vide.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fai  balance do PGE para Galicia en 2022. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fai balance do PGE para Galicia en 2022. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta