Os comercios de Pontevedra énchense de fotos feitas por mulleres para combater a violencia machista

A iniciativa realizouse no obradoiro 'Namórate de ti'.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/11/2021 | Actualizada ás 20:50

Comparte esta noticia

Dezaseis establecementos comerciais das céntricas rúas Castelao e Cruz Gallástegui, en Pontevedra, exhiben dende a mañá de hoxe unha exposición fotográfica protagonizada por mulleres e realizada no obradoiro "Namórate de Ti"

Exposición fotográfica do obradoiro 'Namórate de ti'
Exposición fotográfica do obradoiro 'Namórate de ti' | Fonte: remitida

 

A iniciativa foi impulsada pola concellería de Igualdade e Promoción Económica de Pontevedra e o Centro de Información á Muller (CIM) en colaboración coa fotógrafa e creativa Patricia Maquieira e a animadora sociocultural Tegra Gómez. A actividade enmárcase dentro do programa de actividades organizado co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

 

A exposición artística, poderá contemplarse durante as vindeiras semanas nos escaparates de Naty (tenda de roupa), Carlos Pons (perruquería), Doce Óptica, Alain Afflelou Óptico e Audiólogo, Cordal (agasallos), Tito de la Peña (perfumería), Desigual, Ali Móviles, Dicenfot SL, Chicco, La Mattina, Belén García Íntimo, Clikrs, Decoración Cordal, Daser Fotografía e Atmósfera Sport.

 

A concelleira Yoya Blanco expresou durante a inauguración da mostra que  "a carga de sentimentos e emocións é enorme, xa que está protagonizada por mulleres vulnerables, que en varios casos foron vítimas de violencia de xénero e que puideron respirar libres grazas a estes talleres".

 

Entre os obxectivos de Namórate de Ti están os de fomentar o empoderamento feminino e a autoestima a través da fotografía, así como a plena liberdade de pensamento e expresión. Os talleres, que teñen o seu colofón nesta mostra fotográfica, desenvolvéronse de xeito gratuíto na Casa Azul os días 6, 7, 13 e 14 de outubro.

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta