Galicia actualiza a súa lei de artesanía 30 anos despois

Representantes do sector ven avances no proxecto e reivindican unha aposta pola divulgación pública e nas escolas da artesanía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2021 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

O Goberno galego tramita unha nova lei de artesanía chamada a renovar 30 anos despois a norma que ata agora regula as actividades ligadas a este sector, de 1992, e que, entre outras cuestións, "actualiza" o propio concepto de artesanía, unha das demandas do sector, que celebra o paso, aínda que queden "puntos por puír".

A exposición de motivos do proxecto, que está sometido a exposición pública e ao que se poden realizar suxestións ata o 16 deste mes, recolle a necesidade de adecuar esta regulación "á nova realidade do sector artesanal", nun marco xurídico "adecuado" que manteña e promova a súa relevancia "social, cultural, identitaria e económica" e que "incremente a súa profesionalización e competitividade".

O texto alude á incorporación de novos profesionais e ao papel da artesanía como "importante factor de asentamento e desenvolvemento" da poboación, por exemplo, en zonas rurais.

E busca dar resposta a unha das demandas do sector, a "actualización" do concepto de artesanía nun mundo marcado polas novas tecnoloxías, "posibilitando --recolle o texto-- o emprego de maquinaria auxiliar ou doutro tipo de ferramentas, dixitais ou analóxicas, sempre que a intervención persoal e o coñecemento técnico sexan determinantes no resultado final do proceso artesanal".

Precisamente, a "mellora na definición" do propio concepto é un dos puntos que, nunha conversación con Europa Press, puxo en valor o presidente da Asociación Galega de Artesáns (AGA), José Manuel Salvado Sanín, á fronte tamén de Sanín Percusión Tradicional, e que incide no "forte golpe" que a pandemia deu tamén aos artesáns, co impacto, por exemplo, "de cen a cero" nas feiras.

Desde o sector dialógase coa Xunta para tratar puír os flocos pendentes "de mellorar" na normativa e o presidente de AGA pon o foco en dúas cuestións: a importancia de que se teña en consideración ás asociacións "profesionalizadas" e a aposta pola promoción da artesanía, a súa "divulgación" con campañas de coñecemento público e tamén no ámbito educativo.

CARTAS DE ARTESÁNS E MESTRES ARTESÁNS

A norma relaciona as distintas tipoloxías para a clasificación da actividade artesanal e o presidente de AGA incide tamén na relevancia da regulación, á marxe do recoñecemento oficial de artesán mediante a carta correspondente, a de taller artesán, e a de mestre artesán, cos beneficios ligados a cada un destes 'títulos'.

No caso da carta de mestre artesán, a Xunta propón no anteproxecto que a lei distinga dúas modalidades: mestre artesán profesional, que recoñece a mestría no exercicio dun oficio, e mestre artesán divulgativo, que recoñece a capacidade de transmisión dos coñecementos do oficio mediante a docencia ou outro medio pedagóxico.

En ambos os casos é preciso estar en posesión da carta de artesán e presentar tres cartas de apoio. Ademais, para ser considerado un mestre artesán profesional será preciso sumar máis de 20 anos de exercicio do oficio, e exercer ou exercelo nun taller artesán propio ou por conta allea. O mestre artesán divulgativo deberá acreditar sumar máis de 20 anos de experiencia divulgativa.

O anteproxecto de lei recolle dúas disposicións transitorias que recollen, respectivamente, que as cartas de artesán que estean vixentes cando entre en vigor, pasarán a ter carácter indefinido; mentres que todas as de mestre artesán anteriores á entrada en vigor da mesma perderán a súa vixencia.

PUNTOS DE INTERESE

E en relación á lei do 92, tamén se profunda na posibilidade de declarar puntos de interese artesanal co fin de "activar e promover" os territorios e a súa artesanía, así como "recuperar, conservar e divulgar" as manifestacións artesanais de especial singularidade.

En concreto, distínguense dúas categorías: as zonas de interese especial e tamén os talleres de especial interese. Outros capítulos da norma ratifican o papel da Marca Artesanía de Galicia, a Comisión Galega de Artesanía ou o Rexistro Xeral de Artesanía.

Instrumentos artesanais de Sanín.. AGA
Instrumentos artesanais de Sanín.. AGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta