O alcalde de Santiago non descarta instruír sancións se as obras de Concheiros non rematan o 23 de decembro

O rexedor recoñece as molestias que causan entre os veciños.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/11/2021 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, non rexeita a posibilidade de instruír expedientes de sanción á empresa concesionaria das obras en Concheiros se se prolongan máis aló do 23 de decembro, data límite tras a última ampliación do prazo.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa.
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

O rexedor recoñeceu as molestias que causan entre os veciños, que o venres pasado organizaron unha cazolada por este barrio, pero asegurou que os traballos "están a recibir un impulso importante".

"Mesmo boa parte das queixas teñen relación con ese impulso", engadiu, para seguidamente destacar que os operarios traballan "mañá, tarde e os sábados". Iso si, lembrou que foi a propia asociación de veciños a que "pediu que a rúa fose de dobre dirección e que as beirarrúas se cambiasen", ao que hai que sumar outras modificacións do proxecto como o cambio da rede de rede de sumidoiros "á vista do estado no que estaban".

Así mesmo, destacou a magnitude da obra para que o barrio "quede ben para 30 ou 40 anos". "Iso é máis importante que se acabe 15 días antes ou 15 días despois", engadiu o alcalde.

Por iso mesmo, agora a nova data final das obras que a dirección facultativa ve "debidamente xustificada" é o 23 de decembro, a pesar de que a empresa ve "imposibilidade" antes do 22 de xaneiro. Por iso, se se acepta esa "imposibilidade real", iso "non estaría amparado" pola prolongación e "dará lugar á apertura do expediente correspondente" e as "sancións que poidan corresponder".

"Abrirase a instrución correspondente a partir do día 23, se é que non se iniciou antes", asegurou, aínda que non quixo avanzar se haberá ou non multa: "Sería moi imprudente pola miña banda que, sen coñecer as xustificacións que presente a empresa, xa diga o que se vai facer", dixo Bugallo.

Ademais, o rexedor rexeitou constituír no seo do Concello unha comisión de seguimento das obras, como pide a oposición, porque non o ve "útil". En calquera caso, alegou que é un proxecto que o PSOE "herdou" do anterior mandato, capitaneado por Martiño Noriega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta