Aproban o informe sobre o regulamento para desenvolver a Lei de espectáculos públicos de Galicia

En outubro do ano pasado publicouse a orde pola que se determina o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas na comunidade galega.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2021 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas aprobou por unanimidade o informe favorable sobre o regulamento de desenvolvemento da Lei galega sobre este tipo de eventos O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu este luns a reunión deste grupo, á que tamén asistiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

Segundo traslada a Xunta, o texto final foi acordado polos grupos de traballo de espectáculos públicos e de actividades recreativas creados no marco da comisión e que contan con representación dos sectores afectados.

Ademais, conta tamén con informe favorable da Federación Galega de Municipios e Provincias, polo que só precisa o informe da Asesoría Xurídica e do Consello Consultivo de Galicia para a súa aprobación por parte do Consello da Xunta.

O decreto desenvolverá a lei en aspectos relacionados coa regulación das instalacións portátiles e desmontables, as atraccións itinerantes de feira, os seguro, as festas e verbenas populares, o dereito de admisión, a asistencia sanitaria a información e a publicación e o novo rexistro de empresas e establecementos vinculados a estes sectores.

DESENVOLVEMENTO NORMATIVO

Con este regulamento finalizase o desenvolvemento da norma, que se iniciou en agosto de 2018 coa creación desta comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia con presenza das asociacións máis representativas dos sectores dos espectáculos públicos, verbenas, lecer, hostalaría, así como de asociacións da veciñanza e das persoas consumidoras e usuarias.

Nesta liña, en setembro de 2019 aprobouse o Catálogo de Espectáculos Públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público, que adapta e actualiza as tipoloxías do catálogo anterior de 2004 ás necesidades reais actuais e ás novas formas de lecer.

Do mesmo xeito, publicouse en outubro do ano pasado a orde pola que se determina o horario xeral de apertura e peche dos establecementos abertos ao público e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas na comunidade galega.

Tamén o ano pasado aprobouse o decreto que regula o procedemento para autorizar a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas que leven a cabo en máis dun termo municipal dando resposta a un baleiro normativo para os eventos baixo estas denominacións que están a aumentar nos últimos anos.

Ademais, o pasado marzo o Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto que regulará a actividade de control de acceso aos espectáculos públicos e as actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público nos que se celebren.

Reunión da Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia. XUNTA
Reunión da Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta