Establecidos os servizos mínimos para a folga xeral contra a desindustrialización da Mariña

O paro terá lugar este 17 de novembro.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 16/11/2021 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes os servizos mínimos que establece a Xunta en relación coa folga xeral convocada este mércores na comarca luguesa da Mariña.

A Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT-FICA) comunicaron a convocatoria de folga xeral que afectará a todas as actividades desempeñadas polo persoal de empresas privadas e do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral no ámbito territorial desta comarca.

O paro terá lugar este 17 de novembro a partir das 00,00 horas e finalizará ás 24,00 horas, con varias excepcións, entre elas que nas empresas, administracións e organismos que teñan varias quendas de traballo, o inicio da folga se efectúe na primeira quenda, aínda que empezou antes das 00,00 horas do día 17, e a súa finalización terá lugar unha vez finalizado a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24,00 horas.

Naquelas empresas que teñan unha única quenda de traballo que comece antes das 00,00 horas do día 17 o paro iniciarase á hora de comezo da actividade laboral e finalizará na hora en que conclúa esta.

Para garantir a cobertura informativa do paro, nas empresas do sector do xornalismo e medios de comunicación, a folga convocada terá lugar no período comprendido entre as 7,00 horas do día 16 e as 24,00 horas do día 17, correspondendo aos traballadores de cada centro de traballo a determinación do horario de folga dentro do período de referencia.

A Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, fixa uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan na orde que publica o DOG.

Desta forma, establece servizos mínimos respecto dos sectores e actividades cuxa regulación é competencia dalgunha das consellerías da Xunta e que "poden afectar o desenvolvemento ordinario da actividade cidadá", é dicir, sanidade, seguridade, protección civil, transportes e comunicacións, medios de comunicación social, rexistros públicos, edificios, bens e instalacións públicas, asistencia social e educación, servizos de vixilancia e extinción de incendios e bombeiros.

Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos establecidos na presente orde, segundo destaca a Xunta, tiveron en conta os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación cos servizos esenciais fixados nas xornadas das anteriores folgas de 8 de xuño de 2010, de 29 de setembro de 2010, de 27 de xaneiro de 2011, de 29 de marzo de 2012, de 14 de novembro de 2012 e de 8 de marzo de 2018, así como a sentenza de 25 de setembro de 2019.

"Aínda que é certo que devandito tribunal ditou sentenzas que anulaban as normas polas que se establecían os referidos servizos mínimos, non é menos certo que esas sentenzas foron motivadas fundamentalmente polo déficit de expresión da ponderación dos factores e criterios tidos en conta para a súa fixación, considerando insuficiente a motivación na determinación das prestacións mínimas garantidas", afirma a Xunta.

SANIDADE

Pola súa banda, a plataforma en defensa da sanidade pública apoia a folga xeral e adhírese a esta chamada ao paro motivada "pola situación de emerxencia en que se atopa A Mariña, abocada a converterse nun deserto industrial".

"A comarca, cun enorme potencial industrial e cun sector primario potente, morre aos poucos ante a pasividade dos gobernos", advirte. Do mesmo xeito, avisa de que está a perder servizos sanitarios públicos "ás alancadas, sobre todo despois da perda da área sanitaria".

DENUNCIA DA CIG

Mentres, a CIG rexeita uns servizos mínimos "totalmente abusivos" que en sectores como o ensino público, a saúde e o transporte escolar, asegura, "impiden o exercicio fundamental do dereito á folga".

Fronte aos "intentos da Xunta e do Goberno español de boicotear e facer fracasar a folga", a central lembra as sentenzas que o Executivo autonómico acumula na súa contra.

A pesar disto, critica que esperou "ata o último momento" para enviar o decreto (remitido ao comité de folga o pasado venres) e non convocou ata este luns a reunión para negociar os servizos mínimos.

Así, no ensino público "obrígase a que haxa un ou unha docente por aula", mentres que se impoñen uns servizos do 100% para o persoal de cociña e de limpeza.

Tamén se impoñen, segundo a CIG, uns mínimos do 100% para o transporte integrado de máis de 4 quilómetros, así como para o de traballadores nos servizos realizados antes das 9,00 horas e despois das 16,00 horas.

Nas escolas infantís e nos centros de día "ordénase unha actividade como nun día normal e na residencia de maiores de Burela os mínimos superan ao persoal que atende o centro en fins de semana ou festivos", apunta.

Ante isto, chama ás familias a "desmontar ese boicot non enviando a fillas e fillos ás escolas e institutos da comarca e conseguindo a paralización total da actividade laboral que se promove con esta convocatoria".

Manifestacion en Viveiro polo futuro industrial da comarca da Mariña lucense e en apoio aos traballadores de Alcoa e Vestas
Manifestacion en Viveiro polo futuro industrial da comarca da Mariña lucense e en apoio aos traballadores de Alcoa e Vestas | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta