Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/11/2021 | Actualizada ás 22:00
Sería posible que Galicia puidera sufrir un novo desastre coma o Prestige?... 19 anos despois do maior desastre ecolóxico que padeceron as costas galegas, a situación da seguridade marítima e o control dos buques perigosos incrementouse, pero queda aínda por determinar que pasaría se acontece un novo accidente, os protocolos a seguir e, sobre todo, onde habería que levar o buque para evitar un verquido masivo nas costas.
O Prestige estivo seis días a deriva desde que o 13 de novembro do 2002, no medio dun forte temporal a só 30 millas das costas galegas, a tripulación ouviu un ruído moi forte e o buque empezou a escorar a estribor. Só uns minutos despois o capitán do barco enviou unha mensaxe ao Centro Zonal de Coordinación de Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación Mariña (CZCS) solicitando a evacuación do buque por risco de afundimento.
Nese momento o buque atopábase á deriva xa que tanto o motor principal como o
auxiliar estaban parados. Ademais, xa se comezou a verter petróleo ao mar desde dous tanques de carga xa que o casco tiña unha fenda duns 35 metros de longo. Salvamento comprobou que se estaba vertendo cru ao mar e rescatou aos 24 tripulantes do Prestige.
Debido ao perigo que supuña resgardar o buque nas costas galegas, o Goberno español negouse a dar un porto de refuxio, polo que se remolcou o buque mar dentro co obxectivo de afastalo. Mentres se remolcaba lentamente o buque mar dentro, a greta que percorría o casco chegou a medir máis de 50 metros. Finalmente, o día 19 de novembro o buque parte en dous. Afúndese cunhas 70000 toneladas de cru aínda nos tanques e varias fisuras por onde se seguía vertendo a carga.
Precisamente, a decisión de non levar o buque a un porto seguro causou o maior desastre ecolóxico da historia de Galicia tal tal e como puxeron de manifesto numerosos especialistas durante os anos que durou o proceso. Antes do afundimento, unhas 3000 toneladas de fuel chegaron ás costas galegas afectando 200 km de litoral. Un mes despois do afundimento, unha segunda marea negra de 10000 toneladas de cru chegou a Galicia, Cantabria, País Vasco, Portugal e Francia. Esta carga moi viscosa e rica en hidrocarburos aromáticos, altamente tóxicos, envelenou o plancto, crustáceos, peixes e aos animais que se nutrían deles, ademais de acabar cunhas 17000 aves.
PORTO REFUXIO
O Programa de Información de Seguridade Marítima (Prisma) da Dirección Xeral da Mariña Mercante ten detectados 80 puntos de refuxio en Galicia, fronte aos 1.100 km do conxunto do Estado, deles 200 en Andalucía. Trátase de portos, esteiros e baías que poden servir como refuxio ante un accidente, catástrofe ou continxencia no mar. Prisma foi deseñada de acordo ás directrices da Organización Marítima Internacional (OMI), un organismo especializado de Nacións Unidas para a seguridade marítima e a prevención da contaminación marítima.
Un deses puntos de refuxio é a ría de Corcubión, que o Goberno español de entón desbotou aludindo que tiña pouco calado. E, 19 anos despois, Galicia segue sen ter un porto refuxio ante catástrofes semellantes. Polo menos, de xeito oficial. A lei 6/2017, de 12 de dicembre, de portos de Galicia non inclúe ningunha mención a un porto refuxio en caso de accidente marítimo cun buque perigoso a pesar dos máis de 1.500 km de costa que ten o país galego.
Nos últimos anos, varios buques perigosos foron trasladados ao porto exterior de Punta Langosteira, o último o quimiqueiro Atlantis Arki, en febreiro deste ano, cando sufriu un problema na máquina fronte a cabo Fisterra. Antes, en 2016 xa o fixera un megapetroleiro, o Max Jacob, con 148.000 toneladas de fuel, que tivo que recalar no porto por deficiencias na súa maquina. Este buque con 16,5 metros de calado non podería entrar nos peiraos urbanos. O expertos consideran que Punta Langosteira sería un sitio seguro en caso dun "novo Prestige", pero a decisión, como aconteceu entón, sería política.
AVANCES
Onde si houbo avances foi a nivel de seguridade e control marítimo, tanto no Estado como na UE. A raíz do Prestige creouse a Comisión Interministerial para o seguimento dos danos
ocasionados polo Buque Prestige para coordinar os distintos departamentos
que tiñan que paliar as consecuencias deste accidente. Tamén se crearon outras moitas
resolucións como a Orde APA/3011/2002 de 29 de novembro que limitaba a actividade
pesqueira en certas zonas do caladoiro nacional do Cantábrico e Noroeste.
Tamén unha nova normativa estatal foi a creación do Real Decreto 90/2003 que establece as condicións que deben cumprir as organizacións e sociedades de clasificación de buques para ser recoñecidas pola Comisión e poder realizar funcións de inspección, control e certificación de buques.
A nivel internacional, despois do accidente doutro buque, o Erika, en 1999, creáronse dous paquetes de medidas chamadas Erika I e Erika II para loitar contra a contaminación provocada polo transporte marítimo que nunca chegaron a entrar en vigor de forma efectiva ata o novo desastre do Prestige. Entón a Unión Europea decidiu publicar, entre outras, a lista negra de buques perigosos. Tamén fixo unha proposta de regulamento que prohibe o transporte de combustibles pesados en buques monocasco e propuxo un calendario de retirada para este tipo de buques.
Ademais, redactouse un Proxecto de Directiva que establece que os responsables de vertedurasilegais serán castigados penalmente. Así se responsabiliza ao armador do buque, ao capitán, ás sociedades de clasificación e certificación, ás autoridades da administración e aos funcionarios que estean implicados na vertedura. Finalmente, fíxose unha proposta sobre o recoñecemento dos certificados de aptitude dos mariños extracomunitarios que traballan en buques con pavillón de Estados Europeos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.