O Goberno triplica axudas a proxectos de transición ecolóxica en municipios do reto demográfico

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, onsiderou que se trata de "unha boa noticia" que permitirá conceder máis axudas a máis concellos e que ten un impacto moi positivo en Galicia, onde hai 252 concellos do reto demográfico, que son os que poden optar ás mesmas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2021 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que o Executivo estatal triplicou os fondos dispoñibles do Programa DUS-5000 de axudas para a transición ecolóxica nos municipios nos municipios do reto demográfico.

Nun acto en Manzaneda do que informou a Delegación do Goberno nun comunicado, Miñones indicou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica explica que, ante a resposta dos concellos nos primeiros días da convocatoria, decidiu elevar en 250 millóns de euros os fondos dispoñibles, ata ofrecer agora 325 millóns de euros en total.

Miñones considerou que se trata de "unha boa noticia" que permitirá conceder máis axudas a máis concellos e que ten un impacto moi positivo en Galicia, onde hai 252 concellos do reto demográfico, que son os que poden optar ás mesmas.

Ademais, este martes en Manzaneda, o delegado do Goberno reiterou a aposta do Executivo estatal pola igualdade de oportunidades de poboacións do rural e pola cohesión territorial, e detallou o impacto das accións do Goberno para reducir a brecha territorial no concello da montaña ourensá.

"Desde o Goberno temos un compromiso claro co municipalismo e co reto demográfico, compromiso que se demostra con feitos e apoio reais que nos permiten transformar os nosos concellos para ser máis verdes, máis sustentables e máis eficientes", explicou.

En concreto, detallou os investimentos para fomentar a eficiencia enerxética e a enerxía limpa que lidera o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e os de extensión de Internet de alta velocidade que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital.

Todos eles, dixo, forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno para apoiar a igualdade de oportunidades da cidadanía dos concellos do rural. O delegado avaliou estas liñas e o impacto en Manzaneda xunto co seu alcalde, Amable Fernández, e co subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González.

AXUDAS A EFICIENCIA ENERXÉTICA

Avanzar cara a municipios máis sustentables é o obxectivo da convocatoria que abriu hai dúas semanas o Ministerio para a Transición Ecolóxica e que ten como obxectivo financiar proxectos de enerxías limpas. "O programa DUS-5000 de eficiencia enerxética beneficiará exclusivamente aos municipios do reto demográfico, que na provincia de Ourense son 84, entre eles Manzaneda", engadiu o delegado.

Así, animou a Manzaneda e ao resto de concellos a aproveitar esta oportunidade. Ademais, lembrou que este municipio xa foi beneficiario de tres axudas na convocatoria anterior do Ministerio para proxectos de eficiencia enerxética.

Grazas a esta achega de 325.000 euros do Goberno, o Concello vai afrontar a renovación da iluminación municipal en 20 núcleos de poboación. Con este cambio, Manzaneda aforrará unha parte importante da factura eléctrica municipal que pode dedicar a outros servizos.

Ademais, engadiu que esta localidade ourensá tamén se beneficiará da primeira convocatoria do Plan Unico-Banda Ancha, que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital. Así, lembrou que o departamento ministerial aprobou este mes a resolución provisional que achegará 2,3 millóns a empresas tecnolóxicas para financiar as acometidas de Internet en zonas rurais da provincia de Ourense.

No conxunto de Galicia, o Goberno concedeu 30 millóns en axudas a proxectos para levar a banda ancha de alta velocidade a zonas que carecían deste servizo en 278 municipios de Galicia.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fai  balance do PGE para Galicia en 2022. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fai balance do PGE para Galicia en 2022. DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta