Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/12/2021 | Actualizada ás 22:00
A Xunta non para de inxectar diñeiro público en forma de publicidade institucional aos grandes medios de comunicación para que informen adecuadamente das súas políticas institucionais, especialmente, en campos tan sensibles como o da xestión da Covid.
Non é a primeira vez, nin será a última, que o Goberno galego utiliza cartos que poderían servir para mellorar a atención sanitaria en custosas campañas que insire en medios afíns, principalmente, os medios de comunicación tradicionais. Desta volta, a Secretaría Xeral de Medios está xestionando un acordo marco de servizos de campañas institucionais de difusión de información sobre as actuacións da Xunta no marco da actual situación de desescalada da pandemia da Covid-19. En total, 495.000 euros.
Este diñeiro súmase aos 5,4 millóns de euros que xa manexa este departamento dirixido por Mar Sánchez Sierra. Unha cantidade de cartos a repartir entre os principais medios de comunicación galegos e españois entre finais do 2020 e 2021, os anos no que o impacto económico da Covid é moi importante con sectores que aínda non se teñen recuperado desta crise sanitaria.
DIÑEIRO PARA FALAR DO POLO AEROESPACIAL
Non é a única institución do Goberno galego en gastar diñeiro público en campañas publicitarias. Tamén a Axencia Galega de Innovación destinará case un millón de euros (991.000 euros) para un servizo de asistencia técnica para actividades de comunicación e márketing público do novo período de programación da Civil UAVs Initiative.
Este novo período pretende impulsar o coñecemento galego no sector aeroespacial e consolidar o investimento público-privado, "contemplando todas as actuacións capaces de consolidar Galicia como un polo aeroespacial de referencia mundial no desenvolvemento e ensaio de aeronaves non tripuladas", segundo a Xunta.
Por iso, ese millón de euros estará destinado, a "vender" nos medios de comunicación as infraestruturas existentes en torno ao aeródromo de Rozas como o Centro de Investigación Aerotransporta (CIAR), apoiar a I+D+i especializada en vehículos non tripulados ou realizar actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas destinadas aos máis novo. Uns cartos que tamén poderían ser empregados para mellorar os contratos dos investigadores galegos, moitos dos que teñen que marchar ao estranxeiro para ter estabilidade laboral.
15 MILLÓNS
A Xunta de Galicia ten destinados máis de 15 millóns de euros nos últimos meses en contratos publicitarios que teñen coma finalidade insertar campañas institucionais nos principias medios de comunicación de Galicia e, en menor, de España. E, iso, sen ter en conta contratos menores ou convenios puntuais cos medios de comunicación que fai que a cifra que o Goberno galego destina a propaganda se dispare.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.