A Xunta reproduce o modelo de axudas aos medios de Manuel Fraga

As axudas da Xunta aos medios reducen a un 8% o galego en publicacións en papel e Internet e ao 50% en emisións radiofónicas. Ningún medio que usa íntegramente esta língua recibirá axudas. O sistema perpetúa o modelo iniciado con Manuel Fraga e que continuou o bipartito e os gobernos de Núñez Feijóo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/03/2014 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

1.135.000 euros. Ese é unha pequena parte dos cartos que recibirán os grandes medios de comunicación ou, cando menos, os cartos que figuran na orde que a Secretaría Xeral de Medios acaba de publicar no DOG para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión durante o 2014. Non se inclúen aquí os convenios ou outras ordes que as consellerías ou a Xunta fai específicamente con cada medio.

Prensa e poder. Centos de millóns ameazan a liberdade dos xornais', titulaba a revista Galicia Internacional en 1996. Dezasete anos despois o sistema de reparto segue a ser o mesmo
Prensa e poder. Centos de millóns ameazan a liberdade dos xornais', titulaba a revista Galicia Internacional en 1996. Dezasete anos despois o sistema de reparto segue a ser o mesmo | Fonte: Sotelo Blanco Edicións

 

E, segundo os criterios desta orde, ningún dos medios privados íntegramente ¡en galego poderá beneficiarse das axudas. E é que os criterios estipulados, novamente, fan imposible que sexa así.

 

A orde recolle que só se subvencionarán xornais diarios --actualmente non existe ningún deles--, non se sufragarán entidades sen ánimo de lucro e a empresa beneficiada ten que ter, canda menos, cinco traballadores en nómina. Uns criterios que, actualmente, non cumpre ningún dos medios que publican ou emiten íntegramente en galego. 

 

Tampouco se sufragarán xornais gratuítos. Unha medida que, curiosamente, chega logo da desaparición do único gratuíto que había en galego, o De luns a Venres, do grupo El Progreso. Nin tampouco hai axudas aos emprendedores, como hai noutros sectores, a pesares de que numerosos xornalistas despedidos puxeron en marcha proxectos mediáticos e que non chegan a ter en nómina a cinco traballadores.

O galego é irrisorio

Por outra banda, a Xunta só esixe para os xornais en papel --que representan os principais medios de comunicación de Galicia e que están escritos maioritariamente en castelán-- un 8% de galego do total das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións. O mesmo acontece para as empresas xornalísticas a través da internet.

 

Sen embargo, non pasa o mesmo coas empresas radiofónicas, ás que lles pide, unha porcentaxe diferente que, curiosamente, non se aplica nos outros dous casos. Así, a Xunta estipula que as emisoras de radio deben de empregar o galego na porcentaxe establecida no artigo 10.j) do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, que di: «Empregar a lingua galega nas súas emisións de forma que o 50 %, como mínimo, do tempo de programación sexa en lingua galega. O uso do galego débese distribuír equitativamente en todas as franxas horarias. Non obstante, para as emisoras que actualmente formen parte das cadeas de ámbito estatal, aplicarase a porcentaxe arriba sinalada nas desconexións que se realicen dentro do ámbito da Comunidade Autónoma galega».

 

Este mesmo artigo é válido para as emisoras de radio a través da rede, aínda que só se subvencionarán aquelas emisoras de internet que dependen doutra emisora tradicional, porque quedan excluídas da concesión desta axuda aquelas empresas de radiodifusión privadas que emitan exclusivamente a través da internet.

Audiencias

A Xunta tamén específica que para recibir estas axudas hai que ter certos criterios de medición de audiencia que só aplica para os xornais escritos e para as radios pero non para os medios dixitais. 

 

Deste xeito, os xornais escritos deberán estar incluídos no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

 

No caso das empresas radiofónicas privadas, deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación da Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

Distribución de axudas

As Axudas a empresas xornalísticas que publiquen xornais escritos recibirán 851.250 euros, as axudas a empresas radiofónicas privadas levarán 181.600 euros e as empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante internet, 102.150.

Axudas da época de Fraga

Esta nova orde de axudas perpetúa o sistema de distribución de cartos aos medios que xa puxera en marcha Manuel Fraga e que se repite ano tras ano, incluídos os catro do bipartito e os seis de Núñez Feijóo

 

Deste xeito, os medios beneficiados son sempre os mesmos; os grandes grupos de comunicación de Galicia, principalmente, o grupo Voz (La Voz de Galicia, Radio Voz e Voz TV), o grupo Prensa Ibérica (Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña), Editorial Compostela (Radio Obradoiro, El Correo Gallego e Correo TV), Grupo El Progreso (El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra ou AGN), Grupo La Región (La Región e Atlántico Diario) e o Grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol ou Diario de Arousa). Estes mesmos grupos poden recibir varias axudas en función de se son medios en papel, radiofónicos ou a través da rede.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Foucellas

Pdero cando van os sociolistos-nacional seminario, fan o mesmo, por iso este país noso non avanza cara a ningures. País, paisaxe e paisanaxe. O fascio perpetúase e a socialdemocraCÍA contemporeaniza.

1 eusi

PPresupostos austeros para todos os que non son chuPPópteros PPaifocos