A Xunta cualifica de "AVE incompleto" a liña que "só chegará a Ourense" en decembro

"Por tanto, non sería alta velocidade, senón que sería media velocidade", sinalou a conselleira Ethel Vázquez.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2021 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, afirmou que a posta en marcha da liña de alta velocidade ferroviaria prevista para decembro significará que Galicia terá "un AVE incompleto" que "só chegará a Ourense, pero non ás cidades da Coruña, Santiago ou Vigo".

Así se referiu a a información adiantada por La Voz de Galicia este martes, que sitúa no 21 de decembro a data prevista para a posta en marcha da liña de alta velocidade ferroviaria entre a Comunidade galega e Madrid.

Para a conselleira, en declaracións feitas na súa visita ás Pontes este mércores, a partir desa data os galegos terán á súa disposición unha liña de AVE "incompleta" xa, di, será necesario "ou ben facer un transbordo en Ourense, para coller a alta velocidade, ou ter un tren Alvia normal".

"Por tanto, non sería alta velocidade, senón que sería media velocidade", apostilou Vázquez, que incidiu en que a chegada do AVE é un asunto "prioritario" do que leva "décadas falando".

"Para que chegue o AVE completo necesitamos vías, catenarias, pero tamén trens concretos, xa que temos unha característica en Galicia, cun ancho distinto, no tramo entre Ourense e Madrid", incidiu a responsable de Infraestruturas no Executivo galego.

Por tanto, considera que "aínda queda moito tempo para que a alta velocidade chegue a Galicia e sexa completa, e o faga nos tempos competitivos, comprometidos, como son tres horas e quince minutos coa Coruña e tres horas e vinte minutos con Vigo e ata Madrid".

Tren AVE de Talgo, Avril
Tren AVE de Talgo, Avril

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

a) Entre Coruña e Santiago, a velocidade máxima é de 200 km/hora. b) Entre Santiago e Ourense o trazado permite 300 km/hora, pero polo de agora non se alcanza esa velocidade. c) Entre Ourense e Vigo ou Ourense e Lugo o trazado non permite velocidades altas. Hai algún trozo pequeño na variante da Póboa ( entre Sarria e Lugo ) para 160 km/hora, e entre Monforte e Canabal chégase aos 140, pero o resto ten velocidades baixas. d) Entre Ourense e Madrid pódese chegar aos 300 km/h.