SOS Ourense: a sociedade mobilízase contra a "demolición" da cidade por parte de Jácome e o PP

75 colectivos e "medrando" maniféstanse mañá para marcar "un punto de inflexión na historia de Ourense".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/11/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Xa son 75 e seguen medrando. Os colectivos sociais, ambientais e culturais que se están a adherir á mobilización convocada mañá, 18 de novembro, na cidade de Ourense "contra a demolición da cidade por parte dos gobernos de Jácome e do Partido Popular"  non deixan de sumar. A manifestación sairá ás 19:30h da subdelegación do goberno e percorrerá a cidade pasando polo edificio da Deputación Provincial para rematar na Praza Maior ás portas do Concello.

O colectivo SOS Ourense con cartaces
O colectivo SOS Ourense con cartaces | Fonte: remitida

"Este é un punto de inflexión na historia de Ourense", sinalan dende SOS Ourense, que apunta que "o goberno municipal de Jácome e do Partido Popular son a gota que colma o vaso" pero a situación vén de lonxe. Así, o colectivo considera que a cidadanía leva décadas

silenciada por un uso clientelar da institución provincial e por un "desnorte das políticas

municipais" que privatizan o emprego das rúas, clientelizan a xestión do público e castigan todo o que ten que ver coa creación de comunidade, "xestionando desde o cortoplacismo nunha dirección oposta á sustentabilidade, á igualdade, á creación de oportunidades, á posta en valor real da cidade e da provincia".

Así, chaman á cidadania a mobilizarse posto que "non podemos continuar impasibles ante tanta vergoña, hai que denunciar publicamente o escándalo e a falta de responsabilidade de quen consinte que as cousas estean como están". Dende o colectivo rexeitan calquera acusación de politización, como a realizada polo rexedor da cidade, e defenden que "efectivamente a poítica é cousa de todos" e serve "para algo máis que para parasitar institucións".

JÁCOME VE UN "ENGANO MASIVO"

Pola súa banda, o alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, saíu ao paso da convocatoria para cualificala de "engano masivo" por parte dun movemento que, ao seu xuízo, é equiparable a un "troiano" e ao movemento 15M.

Á vista das baixas das dúas asociacións, o rexedor tachou nun comunicado a protesta de "un engano masivo" no que se agrupan "sen saber que se trama" decenas de colectivos que "se materializarán nunha opción de partido político de esquerdas cando chegue o momento".

Deste xeito, aseguraron que o movemento se iniciou desde o anuncio de Democracia Ourensá de presentarse a todas as seleccións para reclamar por Ourense. Desde este momento, para o alcalde, "empezaron a coller munición e no momento no que teñan suficiente collerán o canón para apuntar ao que van: a por o alcalde de Ourense", considerou comparándoo co "15M que logo deu lugar a Podemos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Sentidiño

Foi un grande éxito. A tvg conectou en directo coa estación de tren, para falar do ave. A esa hora, a manifestación estaba a quilómetro e medio... https://twitter.com/i/status/146143...

2 anonimo

Jácome ten o mérito de non gustarlle a ninguén ( a parte de el mesmo ).

1 Gamela

Digamos que en "popularidade" gánalle ata a vaca de Vila de Cruces ! https://twitter.com/00Gamela/status... Pero iso non quere dicir gran cousa...? Ao mellor o próximo alcalde de Ourense non o botades do sillón nin con auga fervendo (Vigo, as nosas praias!)

1 Gamela

Queremos saber que pasa coas Torres do Miño ? É un negocio do PP / do PSOE / de Jácome ? Chercher l´argent !!!