Os albergues terán que esixir certificado covid ata o 18 de decembro para operar ao 100%

O TSXG autorizou a prórroga solicitada pola Xunta ao entender que se mantén a "necesidade" da medida ante o aumento de casos nos últimos días.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu luz verde á solicitude da Xunta para ampliar ata o 18 de decembro que os albergues poidan esixir o certificado covid para operar ao 100% da súa capacidade.

A resolución, ditada este xoves pola sección terceira da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG, autoriza a prórroga da Xunta ata a medianoite do 18 de decembro a que os albergues amplíen a súa capacidade ata o 100% sempre que pidan o certificado covid á clientela maior de 12 anos.

Así, o tribunal entende que se mantén "o xuízo de idoneidade, necesidade e proporcionalidade da medida". "Continuamos nunha situación epidemiolóxica --empeorada-- que determina un risco de transmisión do virus apreciable ata o punto de facerse necesaria a regulación de determinadas actividades para que o seu exercicio sexa compatible coa contención da súa expansión", sinalan os maxistrados na súa resolución.

Os xuíces fan referencia ao informe remitido pola Administración autonómico na súa solicitude para ampliar o prazo da medida, que foi autorizada mediante outra resolución do Alto Tribunal galego a finais de outubro que vencía este sábado 20 de novembro.

Así, resaltan que os datos epidemiolóxicos en Galicia empeoraron ao longo da última semana, cunha taxa de incidencia do virus superior á de hai unha semana, tendencia á alza da porcentaxe de positividade nas probas diagnósticas e un aumento dos ingresos nas unidades de críticos. Por todo iso, a sala determina no seu fallo, contra o que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, que segue estando xustificado esixir este certificado aos seus usuarios.

Arquivo - Unha peregrina accede a un albergue. César Arxina - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha peregrina accede a un albergue. César Arxina - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta