A Xunta anuncia compensacións polo encarecemento de materiais de obra e axudas na compra de vivenda

A oposición presenta preto de mil emendas que mobilizan uns 2.000 millóns de euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

A tramitación da lei de orzamentos galegos e a lei de medidas fiscais e administrativas para o próximo ano traerá novidades tras o seu paso polo Parlamento de Galicia, posto que o grupo maioritario incluíu matices que abarcan desde as deducións por renda como axudas para que a mocidade acceda á compra de vivenda, pasando por unha contención na subida das peaxes, aplicando unha rebaixa sobre o incremento que supón o IPC.

Así, o PPdeG inclúe entre as súas emendas unha liña de axudas para a adquisición de vivendas por parte da mocidade menor de 35 anos, garantindo avais de ata o 15 por cento do seu prezo. Así, este grupo disporá de hipotecas polo 95 por cento do prezo da vivenda: o 80 por cento que outorga a entidade financeira e o 15 por cento cuberto polo aval da Administración galega.

Outra das emendas que os populares destacaron está dirixida a dar resposta á situación xerada pola crise de materiais, que, inciden, "está a pór en risco a viabilidade da obra pública, xerando incumprimento de prazos, incremento da posibilidade de paralización dos traballos e mesmo o abandono da execución".

Con ese fin, para as obras que estean en execución desde o 1 de xaneiro deste ano (2021) e "sempre que a variación de materiais sexa superior a un 20 por cento respecto do recollido nos contratos e supoñan unha perda para o contratista superior ao 6 por cento", a Xunta poderá realizar, previa solicitude do contratista, "unha compensación económica ou unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto de licitación, que permita un abaratamento dos custos e que non implique unha minoración na funcionalidade da obra".

PRETO DE MIL EMENDAS

Pola súa banda, os grupos da oposición presentaron preto de mil emendas parciais á lei de orzamentos, que tras a exposición das liñas xerais en comisión, comezan o luns a fase de debate e negociación na Cámara.

O BNG pretende mobilizar uns 1.486 millóns de euros, con partidas económicas nas súas máis de 430 emendas, que pon recursos para innovación, memoria histórica, crise industrial, educación ou sanidade. Tamén moven recursos para o ámbito de política social, en que queren un compromiso co persoal das residencias e máis escolas infantís, e propoñen medidas como o programa de gratuidade de libros de texto e transporte público para persoas con carencias de ingresos.

O PSdeG, pola súa banda, presenta 490 emendas parciais cunha mobilización de 465, que se centran, fundamentalmente, en sanidade (115 millóns), educación (79 millóns) e para mellorar o financiamento de concellos, incluíndo un fondo extraordinario covid (60 millóns). Os socialistas tamén propoñen 50 millóns de euros adicionais para o comercio, 46 millóns en políticas sociais --incluíndo a gratuidade de 0 a 3 anos--, mobilizan partidas para vivenda --21 millóns-- e 20 millóns en sectores produtivos, entre outras cuestións.

Vista xeral do Parlamento Galego, durante o minuto de silencio en recordo ao falecido conselleiro de Facenda, momentos previos ao comezo do Debate sobre o Estado da Autonomía, no Pazo do Hórreo, a 13 de outubro de 2021, en Santiago de Compo. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Vista xeral do Parlamento Galego, durante o minuto de silencio en recordo ao falecido conselleiro de Facenda, momentos previos ao comezo do Debate sobre o Estado da Autonomía, no Pazo do Hórreo, a 13 de outubro de 2021, en Santiago de Compo. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta