Outro empate en Riazor

O Deportivo, superado polo Barça B na primeira metade, mellorou tralo descanso pero de novo faltáronlle ideas nos metros finais. O punto sabe ben polas derrotas de Sporting e Recre, pero só gañou 6 dos 15 partidos na casa.

Por gcdeportes | A Coruña | 15/03/2014 | Actualizada ás 23:43

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Deportivo:
Lux; Laure, Pablo Insua, Lopo, Marchena, Seoane; Álex Bergantiños, Juan Domínguez, Juan Carlos (Sissoko, 62), Rabello (A. Núñez, 84') e Toché (Luis Fernández, 72').
Barcelona B: Masip; Patric, Sergi Gómez, Edgar, Planas, Edu Bedia, Ilie, Denis Suárez (Grimaldo, 84'), Dongou (Sergi Samper, 71'), Sandro e Nieto (Adaqma, 62').
Sen goles.
Árbitro:
Daniel Ocón Arráiz. Amosou cartóns amarelos a Juan Domínguez (79') e Álex Bergantiños (85') no Deportivo.
Incidencias: partido da 30ª xornada da Liga Adelante no Estadio de Riazor.

Un tempo para cada equipo, pero coa impotencia dos habituais problemas do Dépor en ataque. Só Rabello, e Sissoko na media hora que estivo no campo, levaronn perigo preto da área do Barça. O Dépor deixou escapar outra vitoria de Riazor (só leva 6 en 15 partidos na casa) e xunta 180 minutos sen marcar. Pero suma un punto que sabe ben polas derrotas de Sporting e Recre.

Toché, de xeonllos sobre o céspede de Riazor.
Toché, de xeonllos sobre o céspede de Riazor. | Fonte: lfp.es

Fernando Vázquez saiu con tres centrais e cedeu a pelota no primeiro tempo ao Barça B, que guiado polo galego Denis Suárez tocaba e tocaba. O Dépor tentaba presionar moi arriba, pero non sempre conseguía frear a saída de balón dos culés. Aínda así, Lux non tivo moito traballo. As mellores ocasións dos de Eusebio foron un remate coa testa de Sergi Gómez nun córner e dúas chegadas de Sandro, que só diante do meta deportivista non atinou a rematar: dáballe antes no pé de apoio. Un remate cruzado de Juan Carlos a rentes do pau de Masip e unha tentativa de chilena de Toché tras centro de Rabello foron os únicos achegamentos do Dépor. Houbo algún apupo antes do descanso dos seareiros, cabreados porque o seu equipo non levaba a iniciativa.

Mellorou tralo descanso o Dépor, que tentou levar a iniciativa. Aínda así, a primeira ocasión foi de novo para Sandro, que recibiu un centro dende a esquerda e rematou cruzado preto do pau de Lux. Rabello era quen levaba todo o perigo, cos seus centros e os seus intentos de pisar área. Un chute no minuto 66 tivo que despexalo a córner Masip. Xa estaba no campo Sissoko, quen deu aire ao ataque deportivista, e Luis Fernández voltou xogar no canto de Toché, esgotado de correr en punta sen axuda. O Dépor xogaba en campo rival, pero como sempre faltáronlle ideas para xerar ocasións de perigo. Non hai quen dea o último pase.

O Dépor suma 50 puntos (só un dos seis últimos) e seguirá unha semana máis segundo, en postos de ascenso directo. A vindeira xornada, o domingo ás 12.00 en Zaragoza (Canal Plus).

Toché trata de fuxir coa pelota.
Toché trata de fuxir coa pelota. | Fonte: @RCDeportivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta