Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/11/2021 | Actualizada ás 22:23
Modernizar as estruturas organizativas e incorporar novos cidadáns ao proxecto; dotarse dun liderado orgánico "forte", con liñas programáticas ben definidas; e conseguir un maior peso dentro da estrutura federal do Partido Socialista son algunhas das ideas que os socialistas galegos inclúen no Relatorio Marco elaborada de face ao XIV Congreso Nacional do PSdeG.
Así se recolle nun dos apartados deste texto no que se aborda o modelo de partido para a "construción dun PSdeG como ferramenta útil ao servizo do pobo galego". O documento foi remitido na tarde deste xoves á militancia.
O Relatorio Marco sinala que o Partido Socialista de Galicia afronta o reto da súa reconstrución como forza política galega despois do "mal resultado obtido nas pasadas eleccións autonómicas de 2020", onde lembra que quedou como "última forza política no Parlamento".
Así mesmo, considera que as súas "fortalezas institucionais" e "implantación territorial" contrastan con "a debilidade da estrutura galega do partido", a "ausencia de planificación estratéxica ou a escasa profesionalización dunha organización política con grandes responsabilidades na xestión das entidades locais".
PLAN ESTRATÉXICO ORGÁNICO
Ante este contexto, ve "imprescindible" cambiar o paso e definir un Plan Estratéxico Orgánico que permita aproveitar o talento e as capacidades" das súas máis de 10.000 militantes.
Ademais de considerar que a coordinación política de todas as súas estruturas organizativas é "imprescindible" e unha "tarefa obrigada" para a próxima dirección galega, o relatorio ve necesario "modernizar" estas estruturas e incorporar a novos cidadáns ao proxecto.
"A tarefa de actualización do proxecto socialista galego necesita dun importante esforzo organizativo, dentro e fóra do PSdeG, tanto no ámbito interno como na proxección exterior da proposta política. Unha mellora no funcionamento das estruturas organizativas tamén debe ter como prioridade a lealdade, condición mínima para poder competir", inclúe o texto.
NOVA ETAPA, LIDERADO "FORTE"
Con este Congreso, os socialistas galegos destacan que se abre "unha nova etapa con renovada capacidade de mobilizar enerxías e valores do pobo galego" para "pór en pé un proxecto galego alternativo" ao do PP.
Para iso, incide en que a organización necesita un liderado orgánico "forte", con liñas programáticas ben definidas asentadas nos ideais do progresismo, da socialdemocracia e do galeguismo, abarcando unha ampla maioría social.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.