Regresa Culturgal a Pontevedra para o próximo fin de semana co "máis talentoso da cultura galega"

Será unha edición da Culturgal para "o reencontro", segundo subliñou os seus promotores, e na que cada vez adquiren maior protagonismo aquelas propostas culturais que encaran o futuro ao redor da accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2021 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

A feira das industrias culturais de Galicia Culturgal regresa o próximo fin de semana tras o parón obrigado pola pandemia para achegar un ano máis "o máis talentoso da cultura galega" ao público desde a cidade de Pontevedra.

O Pazo da Cultura da capital provincial será de novo o fogar da feira, que volve ao calendario do outono galego do 26 ao 28 de novembro baixo a lema 'A cultura que toca'.

O programa completo foi desvelado este venres na rolda de prensa de presentación da cita, na que participaron xunto ao presidente de Culturgal, Víctor López, e o director da feira, Xosé Aldea; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de cultura en Pontevedra, Carmen Fouces.

As entradas anticipadas están xa á venda na web 'cultur.gal', onde tamén se pode consultar un programa no que destacan as 119 casetas con máis de 80 empresas con presenza física e o centenar de actividades asociadas ao mundo do libro, a música, o cinema, as artes escénicas ou a infancia.

Será unha edición da Culturgal para "o reencontro", segundo subliñou os seus promotores, e na que cada vez adquiren maior protagonismo aquelas propostas culturais que encaran o futuro ao redor da accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade.

"HAI MOITAS GANAS DE CULTURAGAL"

"Hai moitas ganas de Culturgal", manifestou o Victor López, que puxo como exemplo disto a reserva completa do espazo feiral, a afluencia de propostas que chegaron para construír a programación ou o ritmo de venda das entradas da feira.

"Así o comentabamos a semana pasada en Madrid, convidados o Ministerio de Cultura, que tivo a ben considerarnos un do tres mellores proxectos de promoción cultural de todo o Estado", expresou o presidente da Culturgal.

Sobre o contido do programa, indicou que "reserva moitas propostas rupturistas, inesperadas, innovadoras, propostas que nos conectan con público de gustos e idades diversas, sempre coa mirada posta nas novas audiencias". Todo iso, "sen esquecer, por suposto, os clásicos do Culturgal, como é ser un paraíso anual para os amantes do libro e da lectura", engadiu.

Tal como explicou Xosé Aldea, director da Feira, esta presenta algún cambio formal neste 2021 como o que experimenta a primeira xornada, o venres 26 de novembro que estará reservada para montaxe de casetas, e por iso a programación centrarase nese día no Espazo Foro da Feira, con entrada gratuíta.

O sábado 27 e domingo 28 a Feira abre todos os seus espazos desde as once da mañá ás nove da noite. A programación distribúese por todo o Pazo da Cultura en diferentes escenarios: Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, este último para teatro e música en directo.

MÚSICA, LITERATURA, TEATRO

Haberá música en vivo a través de diferentes 'showcases' e co espectáculo especial de Tanxugueiras, reservado para o domingo 28 e no que despidirán en Culturgal a súa xira. Todas as entradas para o concerto están vendidas desde hai semanas.

O sector editorial, talismán da Feira, trae a Pontevedra a Manuel Rivas, Ledicia Costas ou o Colectivo Rompente. As artes escénicas chegan á feira a través de diferentes propostas da man de Escena Galega, da función de Elefante Elegante con Dreaming Juliet o domingo 28 no Teatro Principal ou coa presentación da xira teatral de Fariña para 2022.

O público infantil e familiar terá moito que escoller durante o sábado 27 e o domingo 28 con propostas como a do CSIC Galicia de "Ciencia á Feira" ou a exposición de autómatas Kinétiko.

CULTURGAL TV

Culturgal lanza nesta edición a Culturgal TV, unha televisión cultural de fin de semana que, ademais de transmitir unha selección das actividades que terán lugar en Pontevedra, incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas da Feira.

Ademais, a Deputación de Pontevedra presentará na Feira programas como Violencia Zero ou a marca Rías Baixas Filme Fest; mentres que a Xunta organiza trece actividades na súa caseta do recinto, onde se promocionará o Bono Cultura. Todo iso nunha cita que, como incidiu a responsable de cultura da cidade anfitrioa do evento, volverá reunir a "o máis talentoso da cultura galega" para achegalo ao gran público.

Presentación do programa completo de Culturgal 2021. CULTURGAL
Presentación do programa completo de Culturgal 2021. CULTURGAL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta