Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2021 | Actualizada ás 13:17
Psicólogos e organizacións que traballan con vítimas de violencia de xénero apelan á coordinación e á dotación de recursos "suficientes e especializados" para afrontar esta problemática. De acordo cos últimos datos achegados pola Delegación do Goberno, o número de casos activos en Galicia no sistema de seguimento policial de violencia de xénero (VioGen) elévase nesta autonomía a 4.057.
Mentres, 668 mulleres vítimas de malos tratos son usuarias do servizo de atención teléfonica 24 horas 'Atenpro' do Ministerio de Igualdade. Ademais, 113 maltratadores condenados están vixiados permanentemente con dispositivos de control telemático.
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o 25 de novembro, institucións e outras entidades están a organizar distintas iniciativas como marchas, xornadas de formación para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ou actividades dirixidas aos máis novos.
Ademais, convocáronse campañas sobre a violencia exercida no traballo co obxectivo, todas elas, de visibilizar esta problemática. E é que, segundo datos da Fiscalía Superior de Galicia, os xulgados galegos rexistran 17 novos procedementos penais cada día en relación á violencia contra a muller.
AS MEDIDAS, "MELLORABLES"
E dado o número de casos aínda existentes, desde entidades consultadas por Europa Press destacan a necesidade de seguir avanzando na concienciación deste problema e, ao mesmo tempo, ensinar desde a infancia a xestionar as emocións para mellorar a autoestima e o autocontrol, ademais de traballar a empatía para previr a violencia.
"Fortalecer a sensibilización e facela accesible a toda a poboación", apunta Fátima López, coordinadora da quenda de garda psicolóxica especializada en violencia de xénero. Rubén Villar, tamén coordinador desta quenda, sostén, mentres, ao ser preguntado sobre as actuacións actuais, que "todas as intervencións son mellorables". Neste sentido, avoga por fortalecer a coordinación entre todos os axentes implicados e fixar como "prioridade" erradicar a violencia de xénero. Á súa vez, Fátima López expón pór tamén a mirada nos menores afectados para asegurar a súa "protección física e emocional".
Preguntados se detectan máis casos entre os mozos, subliñan que o que se ve é "a mesma violencia a través de novos métodos", expón Rubén Villar sobre as redes sociais. "Talvez esteamos a chegar tarde á era dixital e debemos implicar máis medios neste ámbito", engade a súa compañeira.
INFORMACIÓN ÁS VÍTIMAS
Pola súa banda, Ana Saavedra, presidenta da Asociación Mirabal, entidade que axuda ás mulleres vítimas de violencia de xénero no ámbito do partido xudicial de Betanzos, insiste na importancia da educación e na posta a disposición de medios e o acceso á información por parte das vítimas.
"Non se lles informa que vai pasar cos seus fillos, coa súa casa, das axudas", apunta en alusión ás dificultades que, segundo sostén, teñen as vítimas para ter a información previa necesaria para dar o paso de denunciar nos casos, sobre todo, que dependen economicamente da súa parella.
"Non saben que pasa despois da denuncia", engade en alusión á importancia que, segundo explica, ten que coñezan isto. Así, afirma que existen axudas para elas, pero que moitas o descoñecen. Respecto da importancia de que ten coñecer estas cuestións para que dean o paso a denunciar, pon o exemplo dunha muller de 80 anos "á que o seu marido partiu a boca". "E a súa preocupación era se ía poder quedar na casa", remarca.
Especialmente, incide, ao aludir a estas cuestións, á situación das que viven no rural polas maiores dificultades, afirma, que teñen. Neste sentido, apunta a problemas como os horarios nos que, nalgúns cuarteis, poder presentar a denuncia. "As mulleres tiñan que ir de Betanzos a Arteixo ou a Oleiros para denunciar, agora abre 24 horas", cita sobre o acuartelamento desde este municipio coruñés.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.