A Xunta denuncia a "precipitación" do Goberno por pechar todas as térmicas e abrir, agora, a das Pontes

Conde ve "incomprensible" que o Executivo central non cumpra "o seu compromiso" e espere que sexa Alcoa "a que tome a decisión de vender".

Por E.P. | LUGO | 22/11/2021 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, considera que a reactivación da actividade na planta de Endesa nas Pontes este luns demostra que "foi unha precipitación" a decisión do Goberno central de "pechar todas" as centrais térmicas.

En declaracións aos medios durante a presentación dunha unidade mixta de investigación en Lugo, o tamén conselleiro de Economía, Empresa e Innovación mostrouse en contra de "depender dunha soa enerxía", neste caso o gas, "para garantir o prezo eléctrico competitivo e a subministración".

"Fomos os primeiros en pechar todas as centrais térmicas e agora somos os primeiros en reactivalas. É unha situación incoherente que só está a pasar en España e que desde logo nos pon nunha situación de enorme dificultade tanto para garantir o prezo eléctrico competitivo ás familias e ás pemes, como para garantir a subministración", resumiu Conde.

Ademais, o vicepresidente económico lamentou o "hermetismo" que manteñen desde o Goberno central e desde a empresa, xa que non trasladaron á Xunta "ningún tipo de información" sobre a reactivación da planta das Pontes.

"É unha situación que, simplemente, pon de manifesto esa precipitación e sobre que a transición enerxética, sen medidas coherentes e planificadas, é un erro", subliñou Conde, quen tamén asegurou que España vai "en contra dos criterios" doutros países europeos "que non están a depender exclusivamente do gas".

SOBRE ALCOA: "O GOBERNO SEGUE SEN ESCOITAR"

Por outra banda, Conde lamentou que o Executivo central "segue sen escoitar e entender" o motivo da folga xeral convocada a semana pasada na comarca lucense da Mariña, despois de que este domingo a ministra de Industria, Reyes Maroto, rexeitase --nunha entrevista concedida á Cadena Ser-- a intervención pública de Alcoa San Cibrao, en Cervo, a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) como esixen tanto os sindicatos como a Xunta.

"É incomprensible pensar que a decisión do Goberno pasa por estar de brazos cruzados sen tomar ningún tipo de iniciativa e esperar que sexa Alcoa a que tome a decisión de vender", dixo.

Os camións do carbón da central de Endesa nas Pontes bloquean os accesos.
Os camións do carbón da central de Endesa nas Pontes bloquean os accesos. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta