Do BNG de Beiras ao BNG de Pontón... Do control da organización ao control da mensaxe

Dos sloganes "independencia" e "autodeterminación e poder popular", que tanto coreaba a UPG nos tempos de Beiras e Quintana, pasouse a "soberanía nacional", que serve para dicir que o Bloque non é "independentista" e, ao mesmo tempo, para que participe en manifestacións pola independencia de Cataluña ou Euskadi.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 23/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nunca, como ata o de agora, un líder do BNG tivo tanto poder como o que ten Ana Pontón. E é que o Bloque de hoxe en día non ten nada que ver co de Beiras nos anos noventa, ou o de Quintana durante a pasada década. O BNG actual é unha organización que deixou de ser frontista e que actúa máis ao xeito dun partido clásico cunha dirección unificada e un lider que exerce máis de líder e está menos controlado polos órganos de dirección.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anuncia a súa decisión á fronte da formación ante a XVII Asemblea Nacional do 7 de novembro
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anuncia a súa decisión á fronte da formación ante a XVII Asemblea Nacional do 7 de novembro

Cando Ana Pontón anunciou que iniciaba unha "reflexión interna" sobre o seu futuro dentro do BNG sabía que non ía deixar a ninguén indiferente. O anuncio da voceira nacional do Bloque --que algúns viron como órdago, sen chegar a selo-- tiña un obxectivo claro; ter máis peso no control e nas decisións políticas da organización que dirixe. Algo que ata ese momento calquera líder nacionalista tivera moi difícil.

O BNG, desde a súa fundación, foi unha formación cunha clara orientación frontista. Non era un partido de corte clásico, como o PPdeG ou o PSdeG, cunha organización vertical na que a voz do seu líder pesa máis que a da súa executiva. No Bloque de antes todo se cocía por detrás, en negociacións longas e tensas que acababan sempre en pactos de equilibrio para que todas as organizacións da fronte se sentiran cómodas dentro duns órganos de dirección nos que sempre dominaba a UPG. 

Ese foi o Bloque de Xosé Manuel Beiras, de Anxo Quintana e de Xavier Vence. Un BNG no que o líder estaba tremendamente limitado polas decisións dunha Executiva e dun Consello Nacional que fiscalizaban o traballo do voceiro nacional. Era un Bloque no que a loita era polo control da organización, máis que polo control da mensaxe porque, seguindo os vellos manuais de política, quen controla a organización, controla o partido.

A EXPERIENCIA DA UPG

E, nesa loita interna, a Unión do Povo Galego (UPG) sempre tivo vantaxe. Unha vantaxe labrada en anos de militancia política e nunha férrea disciplina que nunca tiveron outras grandes organizacións do Bloque, como o PSG ou Esquerda Nacionalista de Beiras, Esquerda Galega de Camilo Nogueira ou o gran grupo de independentes que intentou impulsar Quintana durante a súa etapa ao fronte da formación nacionalista.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na XVII Asemblea Nacional do BNG, no Coliseum da Coruña, a 6 de novembro de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na XVII Asemblea Nacional do BNG, no Coliseum da Coruña, a 6 de novembro de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press

Ese modelo de enfrontamento e competencia interna sofre un gran cambio en xaneiro de 2012, tras a asemblea de Amio e a marcha de case a metade dos militantes nacionalistas. Aí comezou a particular travesía do deserto do Bloque que lle tocou pivotar primeiro a Xavier Vence, que non era da UPG, e despois a Ana Pontón, que si era da UPG. E aí está o gran cambio que sofre a organización frontista. Pasou de ter líderes que "non eran dos seus" a ter dixirentes que si o eran.

E foi con Ana Pontón cando as cousas comezaron a mudar paseniñas dentro do Bloque que, a pesar de manter uns militantes moi ideoloxizados, deixou de lado as batallas internas polo control da organización para centrarse máis na mensaxe. Ese foi o obxectivo da súa líder, empeñada en pasar dos sloganes tradicionais de "independencia, autodeterminación e poder popular", que tanto coreaba a UPG nos tempos de Beiras e Quintana, para centrarse máis en ampliar a base social e facer máis doce unha mensaxe que calara e convencera nos grandes poderes mediáticos e económicos, tradicionalmente, moi enfrontados co nacionalismo.

O CAMBIO DE MENSAXE DO BLOQUE

A estratexia de Pontón foi dando os seus froitos grazas a boa imaxe que foi cultivando neses medios tradicionais que agora buscan inimigos internos dentro do propio partido de Pontón, apuntando directamente a Bieito Lobeira ou Néstor Rego. Ese traballo foi grazas a un equipo de xente afín á líder que, desde dentro da Executiva, deseñaban e impulsaban ese cambio de estratexia a pesar das grandes resistencias internas que aínda hai nos organos de dirección da formación frontista.

Unha tensión que se palpou, e moito, na pasada asemblea nacional á hora de deseñar as liñas ideolóxicas da organizacion frontista para os vindeiros anos e que se saldou cun empate e botando man á tradicional palabra comodín do BNG para estas ocasións "soberanía nacional", que tanto vale para un roto como para un descosido. Tanto é así que Rubén Cela sinalou que o BNG nunca foi "independentista", mentres que outra parte da dirección apoiaba a EH-Bildu nunha manifestación pola independencia celebrada esta fin de semana.

Porque o debate dentro do BNG de hoxe xa non é tanto polo control da organización, senón máis polo control da mensaxe. A mensaxe que pode transmitir a súa líder e a mensaxe que quere transmitir outro sector máis tradicionalista na necesidade de que o Bloque non perda as súas esencias e se acaba convertendo nun "Podemos nacionalista descafeinado", como, efectivamente, lle pasou ao partido fundado por Pablo Iglesias.

ORGANIZACIÓN DA EXECUTIVA

Por iso, chama a atención a organización da nova executiva nacionalista na que Ana Pontón conseguiu desnivelar o peso que ese sector tiña en sectores chave da mesma, pero sen poder controlala ao seu xeito.

Bieito Lobeira, Montse Prado, Carmen da Silva, Xosé Emilio Vicente ou Néstor Rego ocupaban antes áreas tan importantes como as de Organización, Parlamento, Políticas Locais, Iniciativas Políticas ou Estratexia. Xosé Emilio Vicente xa non está e outros, como Bieto Lobeira segue mantendo Organización, compartida con Lucía López, tamén da UPG. Montse Prado deixa Parlamento para controlar Formación, e Nestor Rego segue dominando a política no Congreso e, polo tanto, a relación con ERC e Bildu.

A única diferencia radica en que, tanto o sector de Pontón, como o de Rego e Lobeira, cederon para instaurar unha especie de bicefalia en sectores chave; Organizacion e Comunicación. Porque, a diferencia do BNG de Beiras e Quintana, a batalla non só se dá na organización, tamén se dá na comunicación e na imaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

2 Rui do

É moi divertido. Temos a Pontona, ramplona licenciada sen outra profesión que a da política. Por outra banda, o Lobeira, tipo asilvestrado sen profesión, estudos ou oficio, pero que quere seguir chuchando da política. No fondo son a mesma cousa, a mesma...

1 Orelllaquente

En catro ou seis anos xa non estarán onde están. A estratexia a medio plazo xa está diseñada. Lobeira será un peón, con algún outro, do que prescindir para xustificar unha renovación que quite a Ana do medio para poñer a Rego que non deixa que nada se mova no bloque sin que el o autorice. E non darán a batalla pola independencia, que deixa fríos asta a moitos da U, será simplemente polo control da organización.

1 Orellaquente

As loitas polo control organizativo dentro do Bloque levan meses existindo. Loita ideolóxica hai menos da que parece, só os máis vellos presentan batalla. Un exemplo da tensión foi o 25 de xullo no que o discurso de Pontón foi criticado e ridiculizado por non ter contido patriótico, mentras que os da UPG aplaudían as "profundas mensaxes" que Rego soltaba mentras se paseaba polo país nunha campaña de imaxe persoal. É verdade que as semanas próximas á Asamblea foron as máis feroces. Os da U botaban fume mentras buscaban unha estratexia para frenar o intento de control de Pontón. Despois empezaron a quentarlles a orella a quen quixo escoitalos, mesmo o día da Asamblea, dicindolles que Ana Pontón os vetara, que ela creara todos os problemas, e que sería gracias a eles que acabarían na lista do Consello nacional ou comarcal, ou local...