Precarización do traballo, o novo modelo laboral para o futuro?

As dúas últimas crises económicas están poñendo en risco infinidade de postos de traballo. A crise de 2008, con dúas reformas laborais moi contestadas no seu momento e a da pandemia por COVID, acentúan o risco dun contexto moi desfavorable para o emprego. As últimas xeracións que se incorporaron ao mercado laboral fixérono baixo uns condicionantes que non lles garanten ingresos dignos e seguridade nos seus postos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As reformas laborais de 2010 (reforma de Zapatero) e de 2012 (reforma Rajoy) deixaron abertas as portas para que tanto as contratacións, os despedimentos e outras accións correspondentes ao sector empresarial, acabasen sendo baratas para dito sector. Tendo nas súas mans a unha das xeracións mellor preparadas da historia do Estado, os salarios infímos con respecto a horarios extendidos de máis, a escasa oferta para xente formada en diferentes especialidades e a inseguridade de non saber se se seguiría no posto ou se se ligarían contratos día por día ou hora por hora, obrigaron a emigrar a parte da mocidade. Se coa crise de 2008 as reformas foron guiadas case todas polas ideas da patronal, a de 2020 por culpa da COVID, parece que puxo de acordo a políticos e empresarios en inxectar diñeiro para que o sistema non colapsase. Realmente os fondos de recuperación europeos poden acabar coa precariedade?

Traballadores de Vestas retomaron as protestas este mércores no Barqueiro
Traballadores de Vestas retomaron as protestas este mércores no Barqueiro | Fonte: COMITÉ DE EMPRESA.

AS RAÍCES DA PRECARIEDADE ACTUAL

Mar Martín, de UGT, apunta que “nunca houbo “desemprego cero” mais se buscamos as orixes da precariedade no emprego de hoxe en día temos que ir á crise de 2008 e á reforma que fixo o goberno de Rajoy en 2012”. Esta reforma para Martín reforzou a situación precaria de moitas e moitos traballadores. “Xa antes viñamos dunha situación non moi boa e en 2008 a situación parecía mellorar cando de súpeto estoupa a crise económica”.

Ante o escenario de crise económica, á UE non lle conviña ter unha moeda moi forte para poder ser competitiva. O resultado foi “unha devaluación dos salarios e pensións pois os países do Norte de Europa querían esa depreciación para poderen vender” di Francisco González Sío, da CIG. As consecuencias foron que os despedimentos acabasen sendo baratos e mesmo doados de realizar. “Un despedimento colectivo precisaba até daquela dunha autorización do Estado, coa última reforma desaparece esa ferramenta de control”.

A perda desta ferramenta de control e doutras máis fixo que nestes momentos “a precariedade sexa algo estrutural, porque a contratación temporal era para algo puntual” di Maica Bouza de CCOO. A temporalidade acabou sendo unha maneira de empatar un contrato detrás de outro (por horas, por días) nun mesmo posto. “Hai que recuperar a causalidade das contratacións, así termos contratos temporais para tarefas puntuais, contratos indefinidos cando sexa necesario, como fixos discontinuos”.

“A situación actual vaise manter no tempo e é posible que se acentúe” di Ricardo Castro da CUT. A prolongación no tempo da eventualidade, da inseguridade laboral vén agora da man dos fondos europeos, segundo Castro. “A cuestión é que logo deses fondos, quen os vai devolver?, para facer iso aparecerán medidas que afectarán tanto a salarios como pensións”. É dicir, os gobernos deberán materializar medidas coa finalidade de ir devolvendo os empréstitos da UE mediante novas reformas.

POSIBLE ESCENARIO

As achegas europeas (Fondos Next Generation) deberan activar mecanismos para a creación de emprego nos países receptores. Mentres tanto as diferentes administracións reclaman a súa parte de xestión sobre ditos fondos. No caso galego a Xunta debera impulsar a introducción e uso das novas tecnoloxías. “Existen áreas rurais onde é case imposible acceder a estas novas tecnoloxías e que permitirían á xente nova desenvolver proxectos empresariais” di Mar Martínez. Á parte disto, Martínez cre na necesidade de mellorar as comunicacións e tamén combater “a picaresca do empresario cando fai novos contratos”.

Segundo González Sío, o empresariado galego non estaría polo labor. “A situación pode estar igual ou peor durante dous ou tres anos mentres se permitan os abusos empresariais”. Nese sentido, Sío apunta a necesidade de recuperar as ferramentas de control, senón poderán continuar situacións como “quen perdeu o traballo e foi para outro con peores condicións, a xente nova que entra no mercado mediante ETT que aumental a parcialidade”. Iso tradúcese en horarios de catro horas no contrato e ao mellor seis ou oito na realidade por, ao mellor 600€.

A xente nova que se está preparando ten, entre outros, o modelo formativo da FP Dual, horas de formación teórica e horas de formación práctica en empresas. Non existe aquí tamén o risco de precarización escudándose na formación? “O marco da FP Dual da Xunta non serve, o marco que prepara o Estado mediante a Lei de FP Dual haberá que ver como funciona” declara Maica Bouza. As empresas poden aproveitar a coxuntura para “formar alumnos e logo non contratalos cando ao mellor estiveron realizando tarefas que fai un traballador por un salario, iso é unha discriminación para o alumno e para o traballador”. “É moi probable que continúen coas contratacións indefinidas, retirarán os traballadores máis antigos e de longa duración ante as posibles indemnizacións” di Ricardo Castro.

A inxección de diñeiro desde a UE pode ser un salvavidas mais temporal. Logo habería que devolver ese monto sen saber aínda como. En tal caso, a precarización laboral durante os últimos quince anos parece xa normalizada. A solución para, polo menos, frear a súa expansión está “en facer presión por parte dos traballadores e traballadoras” segundo Castro. Non obstante, haberá que esperar resultados coas aportacións europeas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Os cartos que cheguen de Europa os "paparán" grandes compañías e cando terminen de engordar coas axudas europeas, deslocarizán ou pecharán empresas coa mesma alegría que estamos a ver na Mariña de Lugo ! Presentar algún proxecto tímido que permitira darlle unha volta ao rural galego sería bo para o futuro de Galicia (demografía e habitabilidade) pero ningún grupo político parace interesado no tema: http://gamela00.blogspot.com/2020/1... Dez anos pasan rápido, pero levamos xa dous anos de retardo !