Feijóo descarta reactivar a emerxencia sanitaria pero incide nun posible aumento de ingresados en Ourense e Vigo

Chama a "non abusar" de eventos en espazos pechados e avisa tamén: "Se imos facer moitas concentracións na rúa, o perigo aumentará".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2021 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "non" contempla polo momento reactivar a emerxencia sanitaria porque, a pesar de que ve a España metida "na sexta onda" e a Galicia "na quinta", non considera a situación equiparable a outros momentos da pandemia, sobre todo no que respecta ás cifras de hospitalización. Iso si, co foco en Ourense e Vigo, advertiu de que unha evolución negativa pode carrexar "ingresos e desgustos" elevando a presión asistencial.

Así, aínda que defendeu que en Galicia se dá por agora unha situación de "tranquilidade sanitaria", tamén alertou de que o Executivo ve "comportamentos individuais e colectivos moi preocupantes" a pesar de que "o virus segue existindo" e a vacina "non acredita o 100% de seguridade".

"Preocúpanos o aumento da presión da UCI en Ourense e o aumento da positividade noutras cidades de Galicia (posteriormente concretou que se refería a Vigo, cunha taxa que chegou a situarse en torno ao 10%, moi por encima da media galega)", esgrimiu, antes de engadir que, aínda que de momento non ten consencuencias na hospitalización, si podería "ter impacto nas próximas semanas" se a situación "segue así".

En todo caso, insistiu en que non pretende ser "alarmista" e reafirmouse en que, aínda que non pode prever que sucederá nas próximas semanas, hai pasos que poderían favorecer unha mellora. Por exemplo, lembrou que xa está implantado o certificado covid para as visitas hospitalarias e que este mesmo xoves se pediu autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para ampliar o seu uso á hostalaría nos termos acordados co sector.

Ademais, lembrou que se incrementaron os cribados e hai indicativos que achegan "esperanza", como que xa se autorizou a vacinación do colectivo de 5 a 11 anos, que está a actuar como transmisor neste momento cara aos seus maiores, e que tamén se avanza na dose de reforzo cada vez en franxas etarias inferiores.

"SE IMOS A FACER MOITAS CONCENTRACIÓNS, AUMENTARÁ O PERIGO"

A todo iso, advertiu, haberá que sumar a responsabilidade individual e colectiva, manter a hixiene de mans, o correcto uso da máscara e todas as medidas de precaución precisas. Segundo Feijóo, é preciso recuperar "as cautelas" e evitar un exceso de relaxación que derivou, ao seu modo de ver, en comportamentos "preocupantes".

A pesar de ser preguntado en varias ocasións, evitou pronunciarse sobre se é conveniente nesta conxuntura facer, por exemplo, as cabalgatas de Reis, aínda que pediu actuar con prudencia e volveu a lembrar que en Ourense por exemplo, os 'magostos' contribuíron a empeorar a evolución epidemiolóxica.

"Non se como vai evolucionar isto. Non me atrevo a dicir se vai empeorar ou non, pero levamos dúas semanas cunha incidencia negativa no número de infectados, que non no de ingresados. Aínda así, o lóxico é que, se aumentan os infectados, suban os ingresados", avisou, antes de facer un chamamento a "non abusar de eventos maioritarios no interior e a non provocar movementos de gran concentración de persoas no exterior".

"Se imos facer moitas concentracións na rúa, o perigo non diminuirá, aumentará", advertiu.

Feijóo, tras o Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Feijóo, tras o Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta