A Xustiza investiga supostas irregularidades dun ex cargo da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Javier Blanco foi destituído e non forma parte deste ente, que depende da Consellería de Medio Rural, desde o 28 de outubro de 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2021 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

A Xustiza investiga un suposto caso de prevaricación na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) que ten o foco sobre irregularidades na xestión de varios expedientes por parte dun ex subdirector xeral deste ente, que depende da Consellería de Medio Rural.

'Faro de Vigo' avanzou na súa edición deste venres que a Xustiza analiza se abre proceso contra Javier Blanco, ex subdirector de Relacións cos GDR de Agader e tamén ex portavoz do PP en Lalín.

Fontes da Xunta consultadas por Europa Press confirmaron que detectaron "unha serie de irregularidades" na tramitación de varios expedientes e que estas incidencias se puxeron en coñecemento da Fiscalía, o que deu lugar á incoación de dilixencias previas no correspondente órgano xudicial.

Os procedementos de tramitación dos expedientes --polo menos varias subvencións ao concello da Pobra do Brollón estarían no foco-- foron paralizados, en tanto non se produza o pronunciamento sobre un caso que investiga o Xulgado de Instrución Número 2 de Santiago.

A xunta trasladou a súa "total disposición" a colaborar coa Xustiza para "aclarar o sucedido" na tramitación destes expedientes.

CARGO DESTITUÍDO

A preguntas de Europa Press, a Xunta tamén concretou que o exsubdirector, quen, segundo publica 'Faro', agora traballa nunha consultora e subliñou que non se abriu ningún proceso contra el, non forma parte de Agader desde o 28 de outubro de 2020.

Outras fontes consultadas por Europa Press esgrimiron que o seu "cesamento foi fulminante" e produciuse de forma case inmediata tras chegada de Inés Santé á Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural en setembro dese mesmo ano.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta