A Xunta critica que o Goberno non achega, "na actualidade, nin un euro" para a gratuidade da educación infantil

O Executivo central anunciou que apoiará a creación de 3.417 novas prazas públicas e gratuítas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2021 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social critica que, "na actualidade, o Goberno central non achega nin un euro para a gratuidade da educación infantil" na comunidade galego, ademais de que "tampouco comprometeu ningún financiamento" para o curso 2022-2023, no que as escolas de 0 a 3 anos serán gratuítas en Galicia para todos os nenos.

Este venres, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou que o Executivo que preside Pedro Sánchez apoiará a creación de 3.417 novas prazas públicas e gratuítas de educación infantil de 0-3 anos na comuidade galega e que investirá 34,8 millóns de euros ata 2023 para alcanzar esta cifra.

En resposta, a Consellería de Política Social traslada a Europa Press que confía en que "o comunicado lanzado hoxe pola Delegación do Goberno en Galicia signifique que o Executivo vai comezar a cofinanciar a gratuidade da educación infantil, medida na que neste momento non ten ningún tipo de implicación".

Segundo este departamento, para que o Goberno central poida dicir que "apoiará a creación de prazas gratuítas de educación infantil" debería "contribuír economicamente á gratuidade desta etapa educativa, algo que nestes momentos non ocorre".

Na actualidade, a educación de 0-3 anos en Galicia é gratuíta para os segundos fillos e sucesivos, unha medida en vigor desde 2020 e que "dentro do territorio nacional só existe en Galicia grazas a un investimento de 14 millóns de euros ao ano da Xunta", sostén Política Social. A día de hoxe, xa se benefician as familias de 10.000 nenos na comunidade.

A partir do próximo curso 2022/23, Galicia será a primeira comunidade na que as escolas infantís de 0 a 3 anos sexan 100% gratuítas para todos os nenos, en todos os centros, sexa cal for a súa titularidade. Desta iniciativa beneficiaranse as familias de 20.000 nenos, "cun investimento previsto de 30 millóns de euros ao ano procedentes de fondos da Xunta". "O Goberno central tampouco comprometeu ningún financiamento para esta medida", reprocha.

Esta mesma semana, a Declaración de Santiago, rubricada por oito presidentes autonómicos, reclamaba a implicación do Executivo central nesta cuestión.

Nadela, Lugo. Comezo do curso escolar en infantil e primaria no CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela, Lugo.. CARLOS CASTRO
Nadela, Lugo. Comezo do curso escolar en infantil e primaria no CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela, Lugo.. CARLOS CASTRO | Fonte: EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta