O 65% dos ingresados en UCI desde o 30 de outubro en Galicia non estaban vacinados

A porcentaxe de vacinados entre a poboación susceptible de recibir as doses é do 94 por cento no global en Galicia, a "máis elevada" de España.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/11/2021 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que achega para xustificar as novas medidas revela que o 65 por cento das persoas ingresadas nas unidades de coidados intensivos dos hospitais galegos desde o 30 de outubro non estaban vacinados.

Ademais, constata que entre o grupo de persoas que non recibiran a vacina, eran "significativamente máis novas que os vacinados: a idade media do non vacinados é de 67,9 anos e a dos vacinados supuxo 73,9 anos".

O informe, consultado por Europa Press, engade que en España, en relación coa taxa de ingresos en vacinados e non vacinados, por grupos de idade, pódese observar que "todos os grupos de idade en non vacinados teñen unha taxa semanal máis elevada", tanto de ingreso en planta de hospitalización de agudos como na de críticos.

A porcentaxe de vacinados entre a poboación susceptible de recibir as doses é do 94 por cento no global en Galicia, a "máis elevada" de España. As coberturas por encima dos 60 anos son do 100 por cen, pero entre os grupos de entre 20 e 39 anos son menores do 90 por cento; mentres que nos demais supera o 90 por cento.

A modo de resumo, os indicadores epidemiolóxicos están a mostrar un aumento especialmente na taxa de incidencia, polo que "se espera que siga aumentando, o que é coherente, co que se está observando, tanto en España como nos países da contorna".

A sete días, de 30,6 casos por 100.000 habitantes hai unha semana (o informe é do 25), a incidencia alcanzou os 67,8 casos. O modelo predictivo, de manterse a tendencia de crecemento actual, revela que dentro dunha semana podería dispararse ao dobre ou máis.

A Xunta destaca que, segundo os datos dos que se dispoñen, a porcentaxe de non vacinados entre os ingresados en UCI son o 65 por cento. "Por tanto, tendo en conta a porcentaxe de poboación vacinada, pode dicirse que o risco de ingreo de persoas non vacinadas é maior, aínda que ten variacións", precisa.

Concretamente, no grupo de idade entre 12 a 34 anos, o risco de ingreso é 14 veces máis elevado no non vacinados; no grupo de idade de 35 a 64 anos, o risco é 18 veces máis elevado; e no grupo 65 e máis, é de nove veces máis, pero "tamén teñen nove veces máis risco de falecemento".

MENORES DE 12 ANOS

No informe do Diario Oficial de Galicia (DOG)-bis, tamén se recolle a situación dos menores de 12 anos, sobre os que sinala que "existe evidencia do papel residual que xogan na transmisión do SARS-Cov-2, a pesar de que, inicialmente, se penso que poderían ter o mesmo papel que teñen na transmisión da gripe".

Desta maneira, nunha revisión sistemática de máis de 700 artigos científicos, observouse " que a carga viral dos nenos é menor que no caso dos adultos, xa que en xeral son asintomáticos", o que, apunta, "reduce o risco de transmisión".

O informe de Saúde Pública tamén recolle que, noutro estudo, no que se analiza o papel dos nenos na transmisión da covid-19, os investigadores conclúen que os nenos con covid "adquiren a súa infección a través dun adulto, existindo transmisión secundaria a partir dos nenos dentro das familias, nas escolas e noutros espazos na comunidade".

Sobre esta base, a Xunta considerou "pertinente" eximir a este grupo de idade da presentación de certificado covid, tendo en conta ademais que "son usuarios minoritarios da hostalaría e restauración" e que "hoxe en día non se poden vacinar", aínda que a EMA vén de autorizar a administración de Pfizer no grupo 5 a 11 anos e a Xunta quere vacinalos canto antes.

UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - Xunta.  / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - Xunta. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta