Comeza a negociación entre sindicatos e SERGAS para un plan que reduza a presión en Atención Primaria

O plan que resulte do proceso de negociación, segundo informa a Xunta nun comunicado, conterá un conxunto de actuacións para a "óptima utilización" dos recursos humanos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2021 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) arrincou este venres a negociación cos sindicatos presentes na Mesa Sectorial de Sanidade --CIG, CC.OO., CSIF, Satse e UGT-- para articular un plan de ordenación de recursos humanos que consiga, entre outros obxectivos, reducir a presión asistencial en Atención Primaria.

Á parte dos representantes sindicais, participaron neste encontro a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, xunto ao xerente do Sergas, José Flores Arias, e á directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrela López-Pardo.

O plan que resulte do proceso de negociación, segundo informa a Xunta nun comunicado, conterá un conxunto de actuacións para a "óptima utilización" dos recursos humanos.

Entre os obxectivos deste documento, están o de "atraer a novos profesionais" á Atención Primaria e "fomentar con diversas medidas a actividade" dos empregados que xa desempeñan o seu labor neste nivel asistencial, tendo en conta a "falta de dispoñibilidade" de categorías como os médicos.

Ademais, o plan contemplará unha "ordenación dos persoais" do sistema sanitario "que permita a redución da presión asistencial", tal e como subliña a Consellería de Sanidade. Para conseguilo, realizarase unha análise da situación a través de parámetros como a poboación destinataria do servizo e "o contexto económico", entre outros. Tamén incluirá unha definición dos obxectivos a conseguir, as medidas e o período temporal que estará en vigor.

Nesta negociación entre o Sergas e os sindicatos empregarase a ferramenta 'SharePoint', unha aplicación web que permitirá ás partes acceder a documentos compartidos, de forma telemática e en tempo real. Así mesmo, no transcurso da reunión, o persoal da Consellería informou ás organizacións de que se crearon este ano 30 prazas na especialidade de enfermaría familiar e comunitaria, e outro nove en enfermaría pediátrica.

PRÓRROGA DE 738 TRABALLADORES

Tamén se trasladou a ratificación de diversos acordos da comisión de traballo na que se acordou a prórroga de contratos a 738 traballadores do Sergas: a ampliación por tres meses de 623 contratos "por emerxencia sanitaria" que finalizarían entre o 30 de novembro e o 31 de decembro; e a prórroga de seis doutros 115 contratos de continuidade do persoal de enfermaría.

De igual modo, tal e como informa a Consellería, acordouse ratificar o acordo de carreira profesional que suporá o recoñecemento dun novo grao de carreira a case un centenar de profesionais. Por último, presentouse o anteproxecto de decreto de creación das dúas novas categorías de persoal de biblioteconomía e documentación, tras o cal abrirase un prazo para a realización de alegacións por parte dos sindicatos.

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, na Mesa Sectorial de Sanidade xunto a representantes sindicais / Xunta de Galicia. / Europa Press
A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, na Mesa Sectorial de Sanidade xunto a representantes sindicais / Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta