Barbadás vive "unha auténtica explosión" da covid no municipio, con 75 casos

O alcalde advirte: "Parece que a pandemia cabalga a lombos dun cabalo desbocado".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 28/11/2021 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

O alcalde de Barbadás (Ourense), José Carlos Valcárcel, emitiu este domingo unha mensaxe á súa veciñanza para alertar da "auténtica explosión" da pandemia da covid-19 no municipio, que contabiliza 75 casos activos. "Afortunadamente a gran maoiría son leves ou asintomáticos, pero por iso non menos importantes", asegura.

A través deste comunicado, alerta de que o concello vive "unha situación crítica" con respecto á crise sanitaria. Segundo datos da web que emprega a Consellería de Sanidade para informar sobre a pandemia, nos últimos sete días detectáronse en Barbadás 57 infeccións por coronavirus.

De feito, segundo sinala o alcalde, este aumento dos contaxios "está a afectar sobre todo ao colectivo de nenos e nenas en idade escolar e a adultos non vacinados". "Parece que a pandemia cabalga a lombos dun cabalo desbocado", engadiu. Por iso, Valcárcel pide á veciñanza unha "actitude solidaria e cívica" que pasa "por pensar nas demais persoas", á vez que apunta á vacina como "maneira para vencer definitivamente" o virus.

Así, o alcalde de Barbadás diríxese a aquelas persoas que rexeitaron inmunizarse contra a covid-19 para que acudan aos centros de vacinación habilitados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas): "Estamos a falar da saúde de todos e de todas". Ademais, Valcárcel considera "fundamental" que, cando se inicie a administración das doses á rapazada, haxa "unha participación masiva" para que esta situación non se repita.

O rexedor tamén aproveita para destacar o "esencial" traballo do persoal sanitario do centro de saúde, ao que traslada o seu agradecemento "polo seu gran esforzo, disposición e colaboración".

Test
Test | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta