Récord de exportacións para a D.O. Valdeorras

Na campaña 2020-2021 exportáronse un total de 467.471 litros de godello e de mencía, a cifra máis alta dende que hai rexistros. Reino Unido, Estados Unidos, Holanda, Alemaña e Suecia son os principais mercados.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 29/11/2021 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Satisfacción máxima no Consello Regulador da D.O. Valdeorras tras coñecer que baixo o seu selo sairon a outros mercados 467.471 litros de viño das súas variedades godello e mencía. Os datos son da última campaña e os mellores dende que hai rexistros.

García Pando, Presidente da D.O. Valdeorras no stand de Vinexpo. Foto: Prensa CRDO
García Pando, Presidente da D.O. Valdeorras no stand de Vinexpo. Foto: Prensa CRDO

Esta cifra cuadriplica a cantidade de viño exportada no exercicio anterior (2019-2020) cando se acadaron unicamente 109.202 litros de viño exportados. Por variedades, 400.407 dos litros de viño enviados ao exterior corresponden a godello e 67.064 a mencía.

O total cualificado de godello na última campaña foi de máis de 2,5 millóns de litros de viño e de mencía superou os 635.000 litros, o que evidencia que a porcentaxe que se exporta de godello é de máis do 15% e de mencía de pouco máis do 10%.

EXPORTACIÓNS: OS MELLORES MERCADOS

Os viños de Valdeorras véndense fundamentalmente no Reino Unido (125.958 litros de godello e 14.783 de mencía); Estados Unidos (67.672 litros de godello e 12.719 de mencía); Holanda (53.642 de godello e 22.932 de mencía); Alemaña (14.575 de godello e 2.323 de mencía) e Suecia (14.828 de godello e 1.416 de mencía).

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, valorou como “moi positivas” estas cifras, o que segundo refire “evidencian que as vendas ao exterior se normalizan e, mesmo, medran tras a pandemia”. E aproveitou, así mesmo, para sinalar que os datos son froito da aposta pola promoción exterior dos caldos de Valdeorras. “Representan un sinal de que o traballo de promoción dos nosos viños fóra das nosas fronteiras se está a facer ben”, dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta