"Que teñamos a chave do diñeiro aquí e non en Madrid", a idea do BNG para a comisión sobre financiamento

Pontón propón cesións de tributos para que a Comunidade "recade o 100% de impostos" e logo "faga contas co Estado".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2021 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

Un concerto económico similar ao de Euskadi e Navarra ou incrementar "de modo substancial" os recursos e a "autonomía fiscal" de Galicia. Esas son as dúas propostas que levará o BNG á comisión de estudo que botará a andar este martes no Parlamento co obxectivo de fixar unha postura galega común para o debate estatal sobre o novo modelo de financiamento autonómico.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, explicou que os nacionalistas acoden a este órgano da Cámara cunha idea clave: "Que teñamos a chave do diñeiro aquí e non en Madrid".

Deste xeito, abordarán o debate en comisión baixo catro permisas: con "ambición e confianza no país"; coa vontade de "desterrar a idea falsa de que Galicia é un país pobre que vive do Estado"; para ter un modelo de financiamento "xusto"; e para conseguir "soberanía financeira" coa xestión "do 100 por cen" dos recursos.

Así, Pontón rexeita aquelas propostas que simplemente pasen por "incrementar unha ou dúas décimas" o peso de Galicia no modelo de financiamento e aposta por solucións como a cesión de tributos como o IVE e o IRFP.

Ademais, os nacionalistas avogan pola transmisión do Imposto de Sociedades. "Que tributen aquí empresas que teñan actividade produtiva aquí, porque xa está ben que se contamine Galicia e se paguen impostos en Madrid", esgrimiu a portavoz nacional do BNG.

"FACER CONTAS CO ESTADO"

En resumo, "que Galicia recade o 100 por cen de impostos e logo fagamos contas co Estado". A idea, dixo, é "darlle a volta ao actual modelo", que se remonta ao ano 2009 e que conta tamén coa firma do actual presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

Neste contexto, Ana Pontón insistiu en que a comisión parlamentaria que arrinca este martes debe servir para darlle á Comunidade un sistema "xusto" que "non discrimine aos galegos", fronte a un "centralismo que é letal".

"Temos dereito a que os impostos que pagamos aquí se usen para poder mellorar os nosos servizos públicos, para ter unha mellor sanidade, para crear industria no noso país, darlle oportunidades á xente nova e unha mellor atención aos maiores", enumerou.

Por iso, aínda que non está pechado o calendario de comparecentes na comisión, instou a Feijóo a acudir á mesma con "visión ambiciosa" e con "confianza en Galicia", non a "vender a moto do centralismo madrileño".

COMISIÓN PROPOSTA POLO BNG

A comisión de estudo que botará a andar este martes, nunha sesión na que se elixirán os membros da Mesa, xorde dunha proposición non de lei (PNL) que propuxo o Bloque e que foi aprobada por unanimidade no pleno da Cámara do pasado 9 de novembro.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta