Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2021 | Actualizada ás 13:47
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que a vacinación para o colectivo de entre 60 e 69 anos en Galicia arrincará o vindeiro mércores. O obxectivo é ter a toda a poboación de máis risco, xunto cos sanitarios, inmunizados coa dose de reforzo antes do Nadal.
En declaracións aos medios en Lugo, o titular da Administración sanitaria galega agradeceu ás áreas sanitarias a recuperación dos puntos de vacinación masiva, cuxa apertura inicialmente se preveu ata o 30 de novembro, pero seguirán máis aló para inmunizar a este colectivo de 60 a 69 anos.
Preguntado por se se vacinará coa dose de reforzo máis aló deste grupo, Comesaña apuntou que será o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) o que marque o camiño sobre a base dos acordos da comisión de vacinas, pero agregou que "todo parece indicar que se acabará estendendo" por baixo dese limiar de idade.
Deste xeito, Galicia vacinará aos cidadáns de entre 60 e 69 anos unha vez finalizada a terceira dose para o colectivo de entre 70 e 79 anos, que arrincou o 19 de novembro coa reapertura dos centros de vacinación masiva.
Doutra banda, a Xunta tamén está pendente da vacinación aos nenos menores de entre 5 e 11 anos cumpridos, unha franxa de idade para a que a EMA vén de autorizar a vacina de Pfizer. Neste sentido, o Sergas leva desde setembro preparándose para esta aprobación e en días pasados, o propio presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que se era posible --por loxística e estratexia de vacinación--, Galicia vacinaría aos nenos en Nadal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.