Arzúa, un exemplo de programación cultural estable e de calidade

Comprobamos que unha boa xestión cultural pode facer ‘milagres’ aínda que os concellos sexan pequenos e conten con recursos económicos limitados. Falamos con Marcos Pampín, técnico de cultura do Concello de Arzúa.

Por X.M. Fernández | Arzúa | 04/12/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Achegámonos ao Concello de Arzúa para coñecer o labor do seu técnico de cultura, un traballo o seu que se pode comparar co doutros profesionais que traballan nos Departamentos de Cultura de concellos galegos. No seu caso, tratándose dun municipio pequeno, ten moito máis valor ao ter que facer auténticos ‘encaixes de boliños’ para acomodar a programación aos recursos económicos dos que dispón e para atraer público aos eventos.

Actuación musical no verán. Foto: Cultura Arzúa
Actuación musical no verán. Foto: Cultura Arzúa

Marcos Pampín demóstranos que se poden deseñar programas culturais de calidade para todos os públicos, que en Galicia hai moito talento do que tirar e que a continuidade nas programacións dá froitos. Así mesmo, recoñece que o que máis lle preocupa é o público mozo, “penso que hai que apostar por ofrecer alternativas de lecer, cultura e socialización para a adolescencia”, dinos. E outro detalle importante, tamén nos di que a súa programación é practicamente 100% galega e en galego.

Dende cando es técnico de cultura no Concello de Arzúa? 

Dende o 16 de agosto de 2010. Lembro que era día de San Roque e que facía moita calor. Comecei cunha mestura de nervios e ilusión. Agora, ese día quédame moi lonxe. Aprendín moito.

Cóntanos como é o traballo coa concelleira de cultura á hora de confeccionar as programacións? 

Día da Infancia 2021. Foto: Cultura Arzúa.
Día da Infancia 2021. Foto: Cultura Arzúa.

É moi importante ter unha boa sintonía entre o persoal técnico e o político e ambos traballar na mesma dirección e pretendendo os mesmos obxectivos para que algo funcione ben. O meu papel como técnico é levar a cabo a programación cultural que o Goberno Local queira realizar. Pero neste caso, tanto o alcalde como a concelleira, déixanse aconsellar e guiar polas propostas que eu fago. Pero, de todos xeitos, trátase dun traballo en común e en continua comunicación día a día.

"Tanto o alcalde como a concelleira, déixanse aconsellar e guiar polas propostas que eu fago"

Para ser un concello pequeno tedes unha ampla e variada oferta. Que ciclos e/ou eventos fixos tedes no calendario anual? 

Levamos varios anos co mesmo esquema de programacións culturais. Variando as actividades e os espectáculos dentro de cada unha delas pero mantendo un calendario estable para favorecer a fidelización do público e a participación de maior número de persoas posible. O ano comeza coa Programación de Nadal e Cabalgata de Reis, continúa co Entroido e Festa do Queixo para dar paso a Primavera de Cultura nos meses de abril e maio dándolle protagonismo ao Día do Libro e ás Letras Galegas. Nos meses estivais organizamos a programación do Verán, a máis intensa do ano, con moitas actividades ao aire libre, exposicións, concertos, animación nas feiras, etc. Case para rematar, durante os meses de outubro e novembro, levamos a cabo propostas de artes escénicas dentro de ‘Outono a escena’ onde tamén teñen cabida actuacións musicais, funcións para público infantil e familiar, monólogos... O ano remata como empezou, de novo coa Programación de Nadal.

Cales consideras que vos funcionan mellor? 

A parte do enorme éxito da Festa do Queixo ano tras ano, eu considero que a de Nadal porque é a que máis implica a toda a familia e a de verán porque aumenta a poboación e o número de visitantes.

Na túa traxectoria no concello, como valoras a evolución na receptividade das actividades por parte da veciñanza? Sumades xente ou tedes un público máis ou menos estable? 

Dende que ocupo este posto, notamos unha melloría na asistencia e implicación coa cultura. Foi pouco a pouco, pasiño a pasiño. Pero grazas ao traballo que se comezou anos atrás a ser eu o encargado da programación cultural, aos últimos gobernos que foron apostando cada vez máis pola cultura e ao traballo de todo o tecido asociativo local, a melloría é evidente. A irrupción da pandemia nas nosas vidas estancou esa tendencia pero creo que é normal. Segue a haber certo "medo" a asistir a actos sobre todo en interior e tamén os hábitos de ocio da xente mudaron nos últimos tempos. Cando a situación se recupere de todo, comprobaremos como evoluciona a tendencia para tomar medidas co fin de seguir avanzando positivamente neste tema.

Sempre se pode mellorar, supoño... Fórmulas, incluso para atraer xente da contorna? 

Actualmente o que máis preocupa é o público mozo. Temos moi boa participación do público familiar e infantil, así como un público adulto moi fiel. Penso que hai que apostar por ofrecer alternativas de lecer, cultura e socialización para a adolescencia. É, quizais, o público menos atendido na programación cultural e tamén o máis difícil de chegar. Traballaremos nisto. Por outra parte, creo que a nosa programación cultural por variedade, calidade e por ser totalmente de balde é xa por si mesma un bo atractivo para atraer xente. Seguramente con darlle un pouco máis de difusión e publicidade consigamos conquistar máis público.

"Penso que hai que apostar por ofrecer alternativas de lecer, cultura e socialización para a adolescencia. É, quizais, o público menos atendido na programación cultural e tamén o máis difícil de chegar"

Traballo de 'encaixe de boliños' para darlle equilibrio aos ciclos e entrar en orzamentos, verdade? Cóntanos. 

Tal cal, moi complicado. Pero se se ten claro o que se quere facer e o orzamento do que se dispón, evitando en todo momento a improvisación, pódese traballar ben. Aínda así, sen apoio doutras institucións como a Deputación da Coruña e a Xunta da Galicia, non sería posible levar a bo porto moitas das actividades que ano tras ano son unha realidade.

Vides de rematar o 'Outono a escena', con moita variedade e calidade de espectáculos. Que balance facedes do mesmo?

É un programa moi agradecido. As tardes de outono son ideais para asistir a espectáculos e ademais a xente, despois do verán, demanda continuar tendo opcións de lecer e que non todo remate en agosto. Aquí apostamos por que así sexa e notamos a resposta e incluso o agradecemento. Con "Outono a escena" igual que coas outras programacións, constatamos e valoramos a enorme calidade de grupos, artistas e compañías que existe en Galicia. A nosa programación é practicamente 100% galega e en galego, e ano tras ano non deixa de sorprendernos a creatividade e o talento que hai no noso país. Por citar uns poucos, este outono contamos con Xoan Curiel, Victor Grande, Mallou, Lydia Botana, o mago Dani Polo... xente moi profesional, cunha ampla traxectoria e que non defraudan. Dar a coñecer e visibilizar á xente que forma parte do sector cultural en Galicia é unha das grandezas deste traballo.

"Con "Outono a escena" igual que coas outras programacións, constatamos e valoramos a enorme calidade de grupos, artistas e compañías que existe en Galicia"

Monólogo de Víctor Grande no 'Outono a Escena' (2021). Foto: Cultura Arzúa
Monólogo de Víctor Grande no 'Outono a Escena' (2021). Foto: Cultura Arzúa
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta