A alcaldesa da Coruña non participa no plenario do Círculo de Montevideo por ter só unha muller como relatora

Así o trasladou na súa conta Twitter, mentres que nunha carta alega motivos de axenda e pide unha reflexión.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 30/11/2021 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, descartou acudir á XXVI Reunión Plenaria da Fundación Círculo de Montevideo, que se celebra en Santiago de Compostela, ao ter só unha muller como relatora. Así o manifesta na súa conta de Twitter, mentres nunha carta remitida para explicar a súa ausencia alude a problemas de axenda, pero pide tamén aos organizadores que reflexionen sobre este feito.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey | Fonte: CONCELLO DA CORUÑA.

"A igualdade empeza por escoitar e visibilizar as mulleres. Non participarei en ningún foro no que non se teña en conta a visión do 50% da poboación. Sen mulleres non hai futuro", indica por Twitter en referencia a este plenario.

Xa na carta remitida á organización, agradece a invitación e traslada que, "máis aló das dificultades de axenda", quere expor a súa "perplexidade" ao comprobar "que das 13 persoas que figuran como participantes nas xornadas só una delas sexa muller".

"Reflexionar, a finais de 2021, sobre as tranformacións que comportou a pandemia da Covid-19 obviando a achega e visión do 50% da poboación é, desde o meu punto de vista, inasumible", expón no seu escrito, incidindo na repercusión que a mesma tivo neste colectivo.

"O papel da muller, a súa achega e visión, non pode nin debe quedar relegado a unha presenza testemuñal en ningún foro ou espazo de debate público", engade na súa carta, na que convida a "emendar" o enfoque da xornada e trasladar á opinión pública unha "achega máis representativa" da sociedade actual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta