O grupo municipal de Ciudadanos Ourense recupera o seu persoal de confianza e culpa da situación a PSOE e BNG

O rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, cesara a todos os asesores da oposición o pasado 8 de novembro.

Por E.P. | Ourense | 30/11/2021 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O grupo municipal de Cidadáns no Concello de Ourense recuperou o seu persoal de confianza despois de que o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, cesase a todos os asesores da oposición o pasado 8 de novembro.

O portavoz de Ciudadanos no Concello de Ourense, José Araújo
O portavoz de Ciudadanos no Concello de Ourense, José Araújo | Fonte: Ciudadanos - Europa Press.

Este martes, o portavoz laranxa, José Araújo, anunciou que recuperan o persoal eventual cesado por Jácome, que se sumaba á perda da asignación económica ao sufrir unha baixa no grupo.

"Estabamos nesta situación porque o PSOE e o BNG decidiron levar unha estratexia, sen consultar co resto de grupos, coa que rebentaron un pacto que había desde o principio do mandato", explicou Araújo en rolda de prensa.

"Nós sufrimos un tránsfuga que se pasou ao grupo de non adscritos e perdemos a súa asignación económica e tamén o persoal de confianza", incidiu o portavoz laranxa, que lamentou que "nin PSOE, nin PP, nin BNG se acordaron de Ciudadanos en todo este tempo".

Por este motivo, advertiu no último pleno que "iría por libre". "Deben de pretender asfixiarme ou que non teñamos voz, ou o menor espazo posible", opinou Araújo.

Ademais, criticou que tanto o PSOE como o BNG "realizan unha oposición nefasta" porque están a facer unha oposición "non contra Jácome", senón "contra os veciños de Ourense".

Con todo, Araújo aclarou que "non houbo un compromiso de apoiar ningunha iniciativa do alcalde" a cambio da recuperación do persoal eventual do seu partido, porque de ser así sostén que non aceptase.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta