As redes si, para vivir mellor

Escribo este artigo nunha biblioteca pública nunha cidade que non é a miña. Achegueime á rapaza que estaba detrás do mostrador para explicarlle que o meu iPad quedara sen batería e que necesitaba acceso a internet por asuntos de traballo.

Por Francisco Castro | Vigo | 27/03/2014

Comparte esta noticia
Díxome que se non era usuario da biblioteca que non podía. Mais debín de parecerlle tan convincente na ollada de súplica que se me puxo logo de que me dixo iso que, tras agasallarme un sorriso, levoume a un para que puidese traballar.
 
Ao meu carón, un señor ve vídeos de youtube, cos auriculares postos. Un chisco máis aló, outro de preto dos trinta, xoga online a algo no que hai disparos e explosións. Por sorte, tamén leva os cascos postos.
 
Pero quen realmente me importa é a señora que teño enfronte. Chora diante da pantalla. Está besbebllando cun micro de diadema, xa sabedes, deses que arranca dos auriculares e que lle chega ata a boca. Está no skype e deduzo polo seu sotaque que é dalgún país sudamericano. Eu diría que venezuelana. Chora. E ri. Creo que chora de emoción e, a pesar de que besbella, porque estamos  nunha biblioteca e xa se sabe, o certo é que os que compartimos mesa e computadores con ela estamos véndoa chorar, e eu, ademais, escoitándoa aínda que ela non queira.
 
Fala coa súa filla. Como a teño enfronte, non podo ver o que ela na pantalla. Tampouco o preciso para saber que está falando coa filla e que está, seica, coñecendo ao seu primeiro neto. A pobre, xa o dixen, besbella. Controla a emoción. Pero rebórdanlle as bágoas diante do que está vendo. E imaxino que do outro lado a filla chora tamén. Por ver a avoa, choromicando a milleiros de quilómetros de distancia. E tamén por ela mesma, que quizais quere a nai preto. Algo máis preto, Non tan lonxe.
 
A señora recomponse máis ou menos e a min cústame centrarme no que teño que facer. Crúzanse os nosos ollos e ela ri.
 
Estes días, en distintos foros, defendín con forza as redes sociais, as novas formas de comunicación, o noso gusto por compartir o que facemos, o que sentimos, polo facebook, polo twitter, en instagram. En tantas. Evidentemente non todo vale. Está claro que hai morralla. Pero tamén hai moita xente interesante emitindo ideas fermosas, planteando revolucións posibles, axudándonos a pensar doutra maneira.
 
Estes días houbo quen me dixo que sen todo iso antes viviamos mellor, que é todo unha trapallada.
 
Non sei.
 
Mais a señora esta acaba de dicirlle á filla, vía skype, que espera ver axiña fotos do seu neto no facebook.
 
Vémonos de novo cando ela aparta unha bágoa coa palma da man. Despídese da filla. E a min, mirade que cousa, éntranme ganas de darlle unha aperta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro