Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 13:13
O Xulgado do Penal número 2 de Ourense condenou a 56 días de traballos en beneficio da comunidade a un home por golpear cun cinto ao seu fillo de 12 anos de idade, do que ten, ademais, orde de afastamento durante seis meses. Segundo sinala o fallo xudicial con data de 24 de novembro de 2021, recollido por Europa Press, o pai do menor foi condenado por un delito de lesións a 56 días de traballos en beneficio da comunidade, a dous anos de prohibición de porte de armas e a pena de afastamento a 200 metros do menor por parte do acusado durante seis meses.
En canto á acción civil, o acusado deberá indemnizar ao menor na cantidade de 500 euros e ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde foi atendido o menor tras os feitos, en 833.78 euros por danos e prexuízos. Tamén se lle impoñen ao condenado as costas do procedemento.
O Ministerio Fiscal no seu escrito de acusación cualificou os feitos axuizados como constitutivos dun delito de lesións e no acto de xuízo oral procedeu a modificar o seu escrito de cualificación para solicitar ao acusado a pena de 56 días de traballos en beneficio da comunidade, e con carácter subsidiario, dous anos de prohibición de porte de armas e afastamento a 200 metros da persoa de por parte do acusado durante seis meses. "A defensa do acusado, coa aquiescencia deste, mostrou conformidade coa cualificación e a pena solicitada polo Ministerio Fiscal", segundo recolle a sentenza.
FEITOS PROBADOS
Segundo o relato de feitos probados recollido no fallo, "por conformidade declárase probado" que sobre o mediodía do día 9 de novembro de 2020, o acusado, un cidadán colombiano con situación irregular en territorio español e con antecedentes penais non computables na causa, no domicilio onde convivía co seu fillo, de 12 anos, situado en Ourense, "con intención de recriminarlle o seu comportamento e ocasionar un menoscabo físico golpéao cun cinto, alcanzándoo no brazo esquerdo, tras acurralalo no corredor do domicilio".
A consecuencia deses feitos, detállase na sentenza, o menor "sufriu lesións" , "que precisaron para a súa sanidade dunha asistencia médica, tardando en curar sete días, sen que lle resten secuelas e ocasionando uns gastos médicos por importe de 833,78 euros". A día de hoxe, engade a sentenza, o menor atópase tutelado pola Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.