Galicia, entre as mellores áreas da Europa atlántica para instalar parques eólicos mariños flotantes

Un novo estudo sinala que as zonas con menor custo nivelado da enerxía están fronte ás costas de Gran Bretaña e Irlanda, no Mar do Norte e no noroeste da península ibérica. A instalación de parques ‘offshore’ en Galicia está cada vez máis preto de materializarse.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 09/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

2021 foi o ano no que Galicia se abriu á eólica mariña. O 26 de maio, o Parlamento de Galicia, cos votos de PPdeG e PSdeG, aprobou unha proposición non de lei na que se instou á Xunta a “promover e dinamizar o sector da eólica mariña offshore mediante a promoción de elementos técnicos e de coñecemento desta tecnoloxía e a súa implementación” e a “avaliar o asentamento de parques na contorna mariña, garantindo que non se cause dano ás actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño”. O texto aprobado tamén instaba a “proceder á constitución dun observatorio desta actividade para o diálogo e o coñecemento tanto das achegas propias coma de outras entidades nacionais, europeas e internacionais, no que se integren representantes de ambas actividades e sexan asistidos por técnicos da administración competente na materia”, co obxectivo de “promover a realización de estudos ambientais e socioeconómicos específicos para Galicia que analicen as oportunidades e impacto que podería orixinar a implantación de parques eólicos offshore nas costas galegas”. Por último, a proposición non de lei animaba a “promover a implantación en Galicia de actividade empresarial e industrial asociada á produción de enerxía eólica mariña, en uso das competencias do Goberno de Galicia en materia de promoción económica e política industrial”.

Recreación dun parque eólico mariño flotante.
Recreación dun parque eólico mariño flotante.

Pouco despois, o 9 de xuño, constituíase o Observatorio da Eólica Mariña, “un novo instrumento que será un punto de encontro onde identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas”, anunciaba a Xunta.

Á par, a compañía Iberdrola iniciaba o trámite ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica para instalar os primeiros dous grandes parques eólicos mariños en augas galegas, fronte a Cabo Ortegal e A Mariña. Unha iniciativa que se topou co rexeitamento do sector pesqueiro e de grupos ecoloxistas, pero tamén da Xunta de Galicia, que, aínda que aposta pola instalación de parques, alega falta de regulación sobre o espazo marítimo.

Outro paso máis cara ao desenvolvemento da eólica offshore foi a creación do Superclúster Atlantic Wind (SAW), froito da alianza entre Galicia, Asturias e Cantabria para impulsar a eólica mariña no Cantábrico.

Investigadores e académicos acumularon estudos nos últimos anos sobre a viabilidade e xestión de parques offshore en augas galegas

Pero antes de que os actores políticos e económicos adoptasen unha posicisión proactiva cara o desenvolvemento destas instalacións, a idea dunha Galicia botada ao mar para producir enerxía e electricidade xa viña cobrando forza grazas ás achegas de investigadores e académicos que acumularon estudos nos últimos anos sobre a viabilidade e xestión de parques offshore en augas galegas. A última contribución chega desde as universidades de Cork (Irlanda) e Plymouth (Inglaterra), da man de Abel Martínez Díaz e Gregorio Iglesias Rodríguez, quen sinalan Galicia como un dos mellores puntos no Atlántico europeo para a instalación de parques mariños flotantes en termos de custo nivelado da enerxía.

O custo nivelado da enerxía é o valor do custo total de construír e operar unha instalación xeradora de enerxía ao longo de toda a súa vida útil. Dito doutro xeito, este indicador mide os custos totais que esa instalación terá ao longo de toda a súa vida e divídeos pola produción de enerxía que realizará tamén durante todos os seus anos de explotación. O seu valor exprésase normalmente en euros por megawatts hora (MWh).

“O custo nivelado da enerxía pódese definir como o custo de produción de electricidade durante a vida útil do proxecto ou, de xeito equivalente, como o prezo medio ao que tería que venderse a electricidade para alcanzar o equilibrio ao final da vida do proxecto. É un parámetro fundamental para estimar a viabilidade dun proxecto”, explican os dous expertos.

En resumo, cuantifica a relación entre os custos dun proxecto enerxético e a produción de electricidade ao longo da súa vida útil.

O que fixeron Abel Martínez Díaz e Gregorio Iglesias Rodríguez foi calcular ese custo para a instalación de plataformas flotantes semisumerxibles en distintos puntos da Europa atlántica; en concreto, para parques con cen aeroxeradores de 10 MW (1 GW de potencia instalada total) e unha vida útil de 20 anos. Precisamente, a idea de Iberdrola é instalar en augas de Galicia estruturas flotantes, no canto de fixas.

Martínez e Iglesias calcularon a produción de enerxía estimada en distintas áreas, combinando datos de vento coa curva de potencia dun aeroxerador típico (a curva de potencia dun aeroxerador é un gráfico que indica cal será a potencia eléctrica dispoñible no aeroxerador a diferentes velocidades do vento). E analizaron os diferentes custos na vida útil do proxecto en función da profundidade do mar e a distancia á costa en cada área. Para o estudo descartaron áreas de exclusión como zonas de pesca, rutas comerciais de barcos ou reservas naturais mariñas.

O Golfo de Biscaia e o sur da península ibérica mostran os custos nivelados da enerxía máis altos 

Os seus resultados mostran os valores máis baixos para o custo nivelado da enerxía (arredor de 95 €/MWh) fronte a Gran Bretaña e Irlanda, no Mar do Norte e no noroeste da península ibérica, mentres que o custo sería superior en Portugal e Noruega (125 €/MWh), e moito máis elevados no Golfo de Biscaia e sur da península ibérica (por enriba dos 160 €/MWh).

En canto á profundidade do mar e distancia desde a costa, observaron que a segunda é a principal variable que afecta o custo nivelado da enerxía. “En comparación, os custos relacionados coa profundidade da auga (principalmente, os custos de amarre) son de pouca importancia” para as estruturas flotantes, “a diferenza das fixas”, apuntan os autores do estudo.

Detalladamente, ao calcular os gastos de capital totais na costa atlántica europea, comprobaron que estes “están moi determinados ​​pola distancia á costa, o que afecta os custos de transmisión e instalación”, expoñen.

Así, os maiores valores nos gastos de capital prodúcense nos lugares máis distantes, mentres que as localizacións máis próximas á costa presentan, en xeral, valores baixos. No caso da península ibérica, apuntan que “a estreita plataforma continental leva bruscamente a profundidades de miles de metros, polo que todas as localizacións tecnoloxicamente factibles están próximas á costa e presentan un baixo gasto de capital”.

Coas estimacións de custos e a produción anual de enerxía, cartografaron os valores do custo nivelado na costa atlántica europea. Nos resultados, din, “faise patente o papel crucial que xoga a produción de enerxía”.

No mapa xerado, obsérvase que as zonas con maior recurso eólico en termos de produción de enerxía presentan o custo nivelado da enerxía máis baixo (95 €/MWh), detalladamente, nas augas de Reino Unido e Irlanda, áreas próximas ás costas de Países Baixos, Alemaña e Dinamarca, e o noroeste peninsular, concretamente, en augas galegas.

Por outra banda, os investigadores sinalan que o Golfo de Biscaia e a costa sur da península ibérica presentan a menor produción anual de enerxía e, polo tanto, os maiores custos de enerxía (por enriba dos 160 €/MWh), malia a proximidade á liña de costa. Tamén destacan uns custos nivelados de enerxía “razoablemente baixos” fronte ás costas de Portugal e Noruega (125 €/MWh).

“Noutras palabras, a produción anual estimada de enerxía é a principal variable que marca o custo da enerxía, o cal demostra a importancia dunha estimación precisa e específica do lugar”.

 “Nas rexións onde o recurso eólico non presenta grandes variacións espaciais, a distancia á costa convértese na principal variable que controla o custo nivelado da enerxía”

Os investigadores tamén salientan que “nas rexións onde o recurso eólico non presenta grandes variacións espaciais, a distancia á costa convértese na principal variable que controla o custo nivelado da enerxía”, como acontece, sobre todo, no Mar do Norte, onde varía de 95 €/MWh preto da costa ata 135 €/MWh lonxe desta.

Ao desagregar os custos, “os gastos fixos relacionados coas turbinas e as correspondentes estruturas flotantes supoñen a maior parte do total”, indican os investigadores. E insisten en que “os gastos variables están moi influenciados pola distancia á costa, o que ten un grande impacto nos custos relacionados coa instalación e o transporte da enerxía eléctrica”, mentres que “os custos afectados pola profundidade da auga son relativamente pouco importantes” nas estruturas flotantes, a diferenza do que acontece coas fixas. Isto, din, “tradúcese nunha limitación menos para a instalación desta tecnoloxía e, polo tanto, nunha moi boa oportunidade para algunhas rexións, como é o caso, sobre todo, da península ibérica e do Golfo de Biscaia, que presentan unha plataforma continental moi estreita que conduce rapidamente a profundidades de auga superiores aos mil metros, evitando así a instalación xeneralizada de turbinas fixas de fondo”.

Con todo, recoñecen que “na fase actual de desenvolvemento da eólica mariña flotante, non se pode evitar por completo a incerteza dos custos”, pero destacan que o seu estudo pode ofrecer “unha referencia para comparar diferentes áreas xeográficas e indicar as de maior potencial”

Os resultados deste estudo veñen de ser publicados na revista científica internacional Renewable and Sustainable Energy Reviews.

O CASO GALEGO

Investigadores da Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, en Ferrol, xa presentaran en 2018 os resultados doutro estudo sobre os custos que tería a instalación dunha granxa flotante en augas galegas e aconsellaban un "parque grande de máis de 100 MW".

Neste caso, os expertos centráronse na análise da influencia económica do tamaño dos parques eólicos mariños flotantes, propoñendo a instalación dun en Galicia, "onde o recurso eólico é óptimo para este tipo de tecnoloxías", xa que "esta rexión conta cos mellores valores de velocidade eólica mariña da península ibérica", salientaban os autores deste estudo.

A análise fíxose para augas galegas, considerando unha hipotética instalación dun parque eólico mariño flotante nesta área, para o cal se consideraron 18 alternativas tendo en conta diferentes potencias da granxa —entre 100 e 600 MW— e os tipos de estruturas flotantes. Os resultados indican que os custos varían cando aumenta o tamaño do parque eólico mariño flotante para os tipos estudados de estruturas mariñas", resumen os autores.

O estudo realizado na UDC sinala que a instalación dun parque eólico flotante en Galicia debería considerar unha gran granxa de máis de 100 MW

Tendo en conta os resultados dos custos, as variacións máis altas relaciónanse co custo de fabricación e instalación de cada un dos compoñentes da granxa: plataformas, xeradores eólicos, ancoraxes, sistema eléctrico e amarre.

"Os custos de instalación e fabricación teñen grandes variacións considerando o tamaño da granxa", aportaron os investigadores, cun matiz: "Obviamente, este custo máis alto para a granxa grande compénsase co valor máis alto de enerxía xerada".

En termos de custo nivelado da enerxía, a mellor estrutura flotante para augas galegas sería a plataforma semisumerxible. "Este valor redúcese ao redor dun 21% cando a potencia total da granxa se incrementa para todos os tipos de plataformas e granxas", salientaron os investigadores galegos.

Os resultados do estudo levaron a concluír que a instalación dun parque eólico flotante en Galicia debería considerar unha gran granxa de máis de 100 MW (os dous parques que proxecta instalar Iberdrola en augas galegas terían unha potencia de 490 MW cada un).

FUTURO ENERXÉTICO NO MAR

Investigadores de diversos eidos veñen estudando o potencial e as posibilidades que ofrecen as augas galegas e a industria do país para a instalación de parques eólicos offshore ou de granxas de ondas. Unha achega achega recente tamén saíu da Universidade da Coruña (UDC), onde  os profesores Laura Castro Santos (Departamento de Enxeñaría Naval e Industrial da Escola Politécnica Superior) e Félix Puime Guillén (Facultade de Economía e Empresa compararon a viabilidade económica da enerxía undimotriz e da eólica mariña.

“A enerxía das ondas de momento non é viable en termos económicos"

Estes investigadores téñeno claro: “O futuro da produción de enerxía e electricidade estará no océano”. E Galicia ten potencial, xa que “ten o recurso eólico mariño” e “o recurso de enerxía das ondas é moi bo”, salientan. Pero por cal optar?

Tras comparar a enerxía das ondas e a enerxía eólica mariña en termos económicos, os seus resultados indicaron que a mellor opción é a segunda.

“A enerxía das ondas de momento non é viable en termos económicos, fundamentalmente porque os convertedores non son moi eficientes e producen pouca potencia”, clarifican.

CALES SON AS ÁREAS MÁIS ADECUADAS?

Laura Castro é, precisamente, a autora principal doutro estudo publicado recentemente por científicos da Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña, no que se propón unha metodoloxía que permita determinar as áreas máis adecuadas para a instalación dun parque eólico mariño en Galiza.

Seguindo o seu modelo –baseado nas “restricións significativas” (zonas de navegación, zonas medioambientalmente protexidas, zonas de pesca, fallas sísmicas, etc.) involucradas no desenvolvemento dunha instalación como esta–, observaron que a maior franxa sen restricións está na parte noroeste, fronte ás cidades de Ferrol e A Coruña. Tamén existen importantes áreas fronte a Costa da Morte e a ría de Muros e Noia, e entre a ría de Vigo e a fronteira con Portugal que semellan óptimas. Unha franxa máis estreita móstrase entre as rías de Pontevedra e Arousa, ademais de pequenas zonas na área da Mariña lucense. As áreas restrinxidas ocupan practicamente todo o litoral galego e grandes masas de auga no noroeste en alta mar.

“A isto súmase que Galicia é unha das zonas da península con mellores condicións de recurso eólico mariño”, segundo Laura Castro Santos.

Baseándose nas restricións, os estudos sinalan as zonas noroeste, nordés e sur de Galicia como as máis apropiadas para a instalación de parques mariños

Investigadores do EPhysLab (Laboratorio de Física Ambiental) da Universidade de Vigo, do Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña e do CESAM (Centro de Estudos do Ambiente e do Mar) da Universidade de Aveiro (Portugal) publicaron tamén en 2018 outro estudo sobre as áreas óptimas para a instalación de muíños de vento en augas galegas.

Baseándose nas restricións lexislativas, as posibilidades tecnolóxicas e o potencial enerxético, identificaron as zonas máis aptas no nordés e ao sur da ría de Vigo. E aconsellaban non instalar parques preto da costa para evitar impactos ambientais e visuais.

Con todo, “a maior densidade de potencia eólica identificouse na zona noroeste, desde Cabo Fisterra ata Cabo Ortegal, onde hai pequenas zonas sen restricións legais ou técnicas que se atopan preto de varias zonas protexidas (como unha reserva mariña, unha área con protección especial e un humidal e a súa zona de influencia), facendo necesario unha análise máis profunda dos impactos específicos de cada proxecto na avaliación de impacto ambiental”, detallaron os autores deste estudo.

Estes expertos comparten a premisa de que “Galicia ten un gran potencial para a instalación de parques eólicos mariños”. Con todo, asumen que é necesario considerar as restricións legais –internacionais, europea, española e galega– derivadas da protección doutros intereses que converxen na contorna mariña (pesca, navegación e conservación da biodiversidade), xunto coas limitacións técnicas, principalmente relacionadas coa profundidade da auga.

Para as zonas propostas, o estudo detalla que as profundidades óptimas para a instalación están entre 60 e 200 metros –que é a maior profundidade á que se planificaron e aprobaron os parques mariños en Europa–, xa que observaron que a densidade de enerxía eólica nas áreas propostas “está por enriba do valor medio en Europa”.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta