A Covid e a falta de materia prima e man de obra, principais problemas das empresas galegas

O empresariado galego cre que os fondos Next Generation beneficiarán máis ás grandes compañías.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 02/12/2021 | Actualizada ás 12:58

Comparte esta noticia

Máis do 50 % das empresas galegas afirman coñecer os fondos Next Generation da UE para afrontar a reactivación económica tras a pandemia de Covid, e a gran maioría (un 62,6 %) cren que serán as grandes compañías as que máis se beneficien desas axudas.

Así se desprende dun estudo elaborado por Sigma 2 sobre clima empresarial en España e en Galicia (con participación de 300 firmas galegas de 6 empregados ou máis), no que se reflicte que o coñecemento sobre os fondos europeos de recuperación é máis elevado entre as empresas galegas que na media nacional (un 50,7 % frentea a un 40,6 %). Ademais, a maior parte das empresas galegas apunta ás dificultades de recuperarse polos efectos da Covid, entre elas, a falla de materias primas.

Ese informe, presentado este martes nun acto que contou coa participación do presidente da Cámara de España, José Luís Bonet, e do presidente do Consello Galego de Cámaras, José García Costas, pon de manifesto que as empresas galegas onde a taxa de coñecemento dos fondos Next Generation é máis elevada son as do sector industrial.

Por outra banda, o 32 % das empresas galegas afirma coñecer os mecanismos para acceder a esas axudas e un 31,5 % de empresas (fronte ao 29,9 % da media española) espera solicitalas, sobre todo no sector da hostalaría.

Así mesmo, o estudo sinala que máis do 62 % das empresas de Galicia cre que as grandes compañías serán as máis beneficiadas por eses fondos europeos; e 7 de cada 10 considera que as axudas deben levar aparellada "unha profunda axenda de reformas".

PRINCIPAIS DIFICULTADES

O estudo de Sigma 2 tamén apunta que un 70,1 % das empresas prevé que a situación económica vai mellorar a medio prazo, aínda que máis de 87 % das compañías considera que esa recuperación pode estar lastrada pola evolución dos custos da materia prima e a enerxía.

De feito, máis da metade considera que eses custos son o seu principal problema, seguido pola escaseza de man de obra cualificada (unha 24,8 % fronte ao 19,7 % da media española), e os problemas de aprovisionamento (un 23,5 %).

No informe tamén se recolle que todas as empresas galegas dan importancia á dixitalización, máis a medida que crecen en tamaño, e as principais ferramentas que usan neste ámbito son as de xestión de contabilidade (un 94 % das compañías), as páxinas web (un 85 %) ou as de xestión de clientes (un 76,4 %).

Segundo sinalaron, as principais dificultades para aplicar medidas de dixitalización radican na falta de orzamento (49,2 %), a falta de perfís adecuados externos (o 44,3 %) ou a falta de persoal coas competencias adecuadas (o 42,8 %). Deste xeito, o 28,9 % das empresas galegas conta con plans de dixitalización (case 10 puntos menos que a media española) e esa porcentaxe elévase ao 61,9 % no caso de compañías con máis de 50 empregados.

FORMACIÓN E INTERNACIONALIZACIÓN

No ámbito da formación, máis do 66 % das empresas galegas dispoñen de plans, un 88,1 % no caso das que teñen máis de 50 empregados, pero case o 80 % das compañías aseguraron ter problemas para atopar perfís laborais adecuados.

Finalmente, o estudo expón que 2 de cada 3 empresas galegas non operan no estranxeiro, e que un cuarto das empresas poderían facelo, aínda que non o fan na actualidade. As empresas que máis potencial de internacionalización teñen son as do sector da industria de mediano tamaño (un 46,3 %).

"INCERTEZAS CONSTANTES"

O presidente da Cámara de España, José Luís Bonet, trasladou a súa "preocupación" polas "ameazas" que se ciernen sobre a recuperación económica, "magnificadas agora pola variante Ómicron", aínda que tamén mostrou a súa confianza na elevada porcentaxe de vacinación que hai no país.

Presentación telemática do estudo sobre clima empresarial en Galicia elaborado por Sigma 2 para as Cámaras de Comercio.. CONSELLO GALEGO DE CÁMARAS
Presentación telemática do estudo sobre clima empresarial en Galicia elaborado por Sigma 2 para as Cámaras de Comercio.. CONSELLO GALEGO DE CÁMARAS | Fonte: Europa Press

Na mesma liña, José García Costas, apuntou que os empresarios e a sociedade viven un "longo período de incertezas constantes", que "deben convidar a unha reflexión". Así mesmo, apelou á "unidade de forzas" dos empresarios para "encarar o futuro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta