As webs .gal protéxense contra o aumento da delincuencia da rede

O administrador destes dominios vén de incorporarse á Global Cyber Alliance para fomentar a confianza no ecosistema dixital galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

As páxinas web .gal, máis seguras. O administrador do dominio galego, Punto Gal, vén de se incorporar á Global Cyber Alliance (GCA), unha organización internacional creada en 2015 para enfrontar os riscos cibernéticos e facer da rede un lugar máis seguro. O xestor de dominios convértese así na primeira entidade galega en sumarse a esta alianza global cun obxectivo: fomentar a confianza no ecosistema dixital galego.

Ordenador portátil
Ordenador portátil | Fonte: Pixabay

O convenio ofrecerá protección aos dominios baixo o paraugas de .gal, que serán incorporados á plataforma Domain Trust. Domain Trust é un proxecto promovido pola GCA para facilitar o intercambio de información sobre dominios maliciosos, unha das infraestruturas esenciais usadas pola ciberdelincuencia, e así poder evitar o envite deste tipo crime en alza. 

Para Darío Janeiro, director de PuntoGal,  a incorporación á GCA supón "un paso relevante nese compromiso da man dunha alianza internacional que fornece ferramentas técnicas, información actualizada e conta cun programa de divulgación sobre unha das principais preocupacións dos usuarios da rede”. 

De aí tamén que o propio administrador galego veña de anunciar a implementación dun programa para darlle a coñecer aos usuarios do dominio --e ao público en xeral-- os recursos gratuítos de ciberhixiene creados polo GCA e os seus socios, como a Caixa de Ferramentas de Ciberseguridade, o Portal de Formación ou as guías e recursos para a implantación do protocolo DMARC de protección do correo electrónico.

Tamén este é o obxectivo central da Global Cyber Alliance: “aínda que pareza unha paradoxa, o obxectivo global da GCA —conseguir que o Internet sexa un espazo mais seguro para todos— tamén pasa por saber ser local. Para a GCA, alianzas coma a que acabamos de asinar con PuntoGal son esenciais, xa que permite chegar ao centro de ecosistemas ben consolidados onde poder demostrar a efectividade das nosas solucións”, asegurou Alejandro Fernández-Cernuda Díaz, o seu director de participación activa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta