O certificado covid será obrigatorio en ximnasios, residencias e hospitais de día en Galicia

Feijóo apela á "prudencia" e pide á poboación "a menor interacción social posible".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o certificado de vacinación contra a covid será obrigatorio para acceder a espazos como os ximnasios, os hospitais de día e oncohematolóxicos, unidades de diáleses, e as residencias de maiores en Galicia.

Así o avanzou o máximo mandatario autonómico este xoves durante a súa comparecencia na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu goberno. Feijóo dixo que, ante a evolución da pandemia, cun incremento dos contaxios nos últimos días, a Xunta "intensificará" a solicitude do certificado "en espazos pechados con posibilidade de contaxios".

Deste xeito, a obrigatoriedade de presentar este documento en ximnasios, hospitais de día e oncohematolóxicos, unidades de diáleses e residencias en Galicia únese á da hostalaría, os lugares de lecer e os albergues.

Ademais, Feijóo aproveitou a súa comparecencia ante os medios para facer un chamamento á "prudencia" e pedir aos galegos "a menor interacción social posible" como ferramenta para loitar contra a covid, ademais do uso da máscara, a distancia de seguridade e a correcta ventilación.

Reunión do Consello da Xunta, presidida polo titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI
Reunión do Consello da Xunta, presidida polo titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICI | Fonte: Europa Press

AVAL DO TSXG

O presidente da Xunta avanzou que a Xunta pedirá o aval ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para a posta en marcha da obrigatoriedade de presentar este certificado nestes espazos. "Temos que pedir un aval da xustiza porque son novas esixencias a determinadas actividades económicas e sociais", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta