Sanidade estenderá os cribados de cancro de cérvix ás áreas de Ferrol e Pontevedra

O programa, logo de ser probado na área de Lugo, irase estendendo progresivamente ao resto de zonas sanitarias galegas, sendo a ferrolá e a pontevedresa as seguintes en instalalo no 2022. A poboación diana serán mulleres de 35 a 65 anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade estenderá o programa de cribado de cancro de cérvix levado a cabo na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos o próximo ano ás de Ferrol e Pontevedra-O Salnés.

Así o anunciou este xoves en comisión parlamentaria a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, en resposta a unha pregunta parlamentaria do Grupo do PP sobre ese programa e a planificación da súa extensión a outras áreas sanitarias. Durán resaltou que o "propósito do programa de cribado é previr"; facilitar un "diagnóstico precoz" e "aplicar un tratamento que poida salvar vidas". Así, lembrou que Galicia "é a única comunidade na que desde a sanidade pública se realiza un seguimento completo" das lesións premalignas.

Sobre o programa piloto na área de Lugo, a directora xeral destacou o "esforzo por retomar os cribados" para incidir na "detección precoz" das enfermidades. Ademais, a doutora Durán destacou que, despois de ampliar o programa de cribado de cancro de cérvix ás áreas de Ferrol e Pontevedra, "progresivamente irase estendendo ao resto das áreas sanitarias de Galicia".

CARTA OU SMS

Sobre o procedemento, puntualizou que a poboación diana serán mulleres de 35 a 65 anos con cartón sanitario nesas áreas, que recibirán ben unha carta ou un SMS para convidalas a participar no cribado e, a que non responda nun prazo de tres meses, volverá recibir un recordatorio.

As participantes poderán elixir o método de toma de mostra, entre utilizar unha automostra que recollerán no seu domicilio e posteriormente entregarán no centro de saúde, ou ben a través dunha cita coa súa matrona.

Centro de saúde en Galicia.
Centro de saúde en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta