Alumnos dun centro de educación especial elaboraron os galardóns dos premios 'Rebulir da Cultura Galega'

O profesor Alexandre Sotelino incidiu no "valor" destas pezas realizadas polo alumnado do López Navalón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2021 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

Un grupo de alumnos do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón, de Santiago de Compostela, foron os encargados de elaborar os catro galardóns conmemorativos con motivo dos premios 'Rebulir da Cultura Galega'.

O acto de recepción destas figuras celebrouse no Museo Pedagóxico de Galicia, coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o profesor da Universidade de Santiago e organizador do Festival Internacional Rebulir, Alexandre Sotelino.

Este último, recentemente recoñecido como mellor profesor universitario de España, explicou que estes galardóns se entregarán durante a gala deste Festival de músicas do mundo, que se celebrará entre o 16 e o 19 de decembro en Ramirás, Celanova, para promover o intercambio e a diversidade cultural. Estes premios, que este ano caen sobre Anxo Angueira, Xabier Díaz e o Xabarín Club, buscan vincular a cultura galega coa proxección exterior.

Ademais, concederase un cuarto galardón aos emigrantes retornados de Venezuela, que tiveron un importante impacto na zona tanto no incremento do número de alumnos como do propio censo municipal.

COMPLEXIDADE TÉCNICA

En paralelo, o festival mantén unha colaboración coa CEE López Navalón que supuxo a elaboración do catro galardóns que se concederán na gala, un apoio que se estende desde hai tres anos.

Sotelino destacou a importancia do proxecto para estes mozos, alumnos de FP, posto que lles permite experimentar e reproducir na aula un proceso real de traballo, cun encargo concreto, un deseño e todo o proceso de facturación e entrega.

Román Rodríguez incidiu no "valor" que representan estas pezas, elaboradas por este alumnado con necesidades educativas especiais, e un proxecto "de gran complexidade técnica".

Así, trasladou a súa felicitación tanto aos docentes como aos estudantes "pola calidade estética e técnica" que representan estes galardóns, coincidindo precisamente coa conmemoración do Día da Educación Especial.

Recepción das pezas conmemorativas dos Premios Rebulir realizadas por alumnos da CEE Manuel López Navalón. XUNTA
Recepción das pezas conmemorativas dos Premios Rebulir realizadas por alumnos da CEE Manuel López Navalón. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta