Pontón pide a Feijóo "anticiparse" e reforzar a sanidade pública ante a evolución da pandemia

"Xa tivo que rectificar o despedimento de centos de profesionais que estiveron contratados para loitar contra a covid", lembra a líder nacionalista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2021 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se "anticipe" e "reforce" a sanidade pública con "máis persoal" ante a evolución da pandemia polo coronavirus e, "sen caer no alarmismo", convidou a "extremar as precaucións".

Por iso, pediu ao Goberno de Feijóo un "reforzo inmediato" da sanidade pública coa contratación de máis persoal e máis medios. "É fundamental reforzar con máis medios e recursos a sanidade pública, algo que xa era necesario antes da pandemia, pero aínda máis agora á vista da evolución dos datos para, por exemplo, poder facer rastreos", sinalou.

Para Pontón, "é importante que se siga mantendo toda a precaución, pero tamén é urxente que a Xunta reforce con todos os medios necesarios a sanidade pública, que foi clave na loita contra o virus". "E imos seguir necesitando o sistema público de saúde", apuntou.

Neste sentido, a líder do BNG destacou que o Goberno do PP "xa tivo que rectificar o despedimento de centos de profesionais que estiveron contratados para loitar contra a covid". "Pero é evidente que se precisan máis medios, persoal e recursos, tanto no ámbito hospitalario como dunha atención primaria ao bordo do colapso", denunciou a dirixente política, quen sinalou que "por primeira vez os galegos non teñen garantida unha consulta presencial co seu médico de cabeceira en tempo e forma".

Aínda que a presión hospitalaria "ofrece datos manexables", ao que se suma a porcentaxe de vacinación, a líder nacionalista reiterou o chamamento a precaución de toda a cidadanía, porque "non se sabe como pode evolucionar a situación" e, "por iso, o mellor que pode facer o Goberno é anticiparse e reforzar a sanidade pública".

A portavoz nacional, Ana Pontón, ante o hospital de Valdeorras. BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, ante o hospital de Valdeorras. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta