Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/12/2021 | Actualizada ás 21:21
Hai un ano Marián Blanco Hermida faleceu en Ourense por mor dunha caída
cando facía o seu percorrido diario para alimentar a colonias felinas da cidade. Segundo un comunicado de Ecoloxistas en Acción "Nese momento as súas compañeiras e amigas recolleron a súa testemuña para que ditas colonias non quedasen abandonadas, do mesmo xeito que a súa familia non humana".
Desde a Plataforma Galega para a Defensa Animal e da Natureza quíxose
homenaxear a Marián colocando "unha lápida para que o seu lugar de descanso
non sexa unha parede baleira, senón un espazo onde todo o que pase e a vexa pense en que
aí xace unha persoa especial que dedicou a súa vida ao coidado dos animais".
A Plataforma quixo agradecer a todas as persoas que apoiaron esta iniciativa "e achegaron
o seu gran de area para que fose posible custear a lápida". Agradecementos
especiais a Ecoloxistas en Acción Lugo, Ecoloxistas en Acción Ourense, ás compañeiras de Marián, á Funeraria Santa Mariña e á Florería Santa Mariña de Ourense.
“Marián, non te esquecemos”, declaran no comunicado da agrupación ecoloxista. Engaden que tampouco esquece a todas "as alimentadoras de colonias, que día a día, sen importar que faga frío, calor, chova ou neve, van coidar das súas colonias, dándolles a estes animais moitísimo amor e a oportunidade de que consigan un fogar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.